A alcaldesa, Marián Ferreiro, presidiu este luns, día 25 de outubro, a reunión á que se convocou ós portavoces dos grupos políticos municipais da corporación para explicar o Plan Director do barrio da Solaina.
Representantes da empresa que realizou o traballo de campo e o documento presentado este luns día 25 no Consistorio, deron a coñecer as liñas xerais deste traballo á rexedora local e os portavoces de Terra Galega, Partido Popular e BNG, . Ferreiro avanzou que o documento tamén se dará a coñecer ós veciños da Solaina nun acto público que terá lugar a vindeira semana no barrio.
O Plan Director da Solaina é un plan estratéxico integral que se elabora para artellar a rexeneración deste barrio da cidade nos vindeiros anos, afondando na mellora da calidade urbana, a actividade económica e, en definitiva, a calidade de vida dos residentes.
Para redactar o documento presentado este luns, día 25 de outubro, analizáronse as rúas, a tipoloxía e usos das construcións, espazos verdes, servizos…Os integrantes da empresa redactora do documento fixeron especial fincapé tamén nos datos demográficos, no planeamento actual da zona, a cobertura do espazo público e analizaron os fluxos tanto de tráfico rodado como peonil polas rúas do barrio. Unha das conclusións ás que se chegou tras analizar toda a información dende a empresa é que “o preferible é realizar unha intervención en conxunto”.
Co fin de levala a cabo, tal e como indicaron, plantexouse un paquete de medidas con tres liñas de actuación, que se materializarán en función dos investimentos que se vaian realizando co paso do tempo. Ó respecto indicaron que unha das liñas sería a redistribución da superficie, tanto no que respecta ós percorridos peonís como o tráfico de vehículos; outra para implantar accións que permitan achegar na medida do posible os servizos que actualmente non ten o barrio e que se prevé que non dispoña dos mesmos e a terceira sería a creación do Laboratorio de Ecoloxía Urbana, definido como “a medida máis innovadora do conxunto e cunha lectura transversal”.
A través desta última iniciativa contémplase un listado de posibles accións a levar a cabo nas áreas de dinamización social e económica, actividades, asesoramento técnico e administrativo á cidadanía, información e tramitación de subvencións, incentivar a eficiencia enerxética e o aforro de emisións nas edificacións privadas, campañas de divulgación de boas praxes de aforro enerxético no fogar, fomento de iniciativas innovadoras, etc.
Todas as liñas de traballo, tal e como se indicou, “deberán contar coa implicación directa de residentes, propietarios e axentes sociais do barrio, tanto nos procesos participativos que se habiliten e de deseño de accións como de execución física dalgunhas medidas”, subliñaron.
A rexedora local indicou que se aposta por crear na Solaina “un proxecto semente que sirva de arranque para que novas iniciativas de economía circular e tamén de carácter medioambiental se vaian implementando neste barrio en particular para irse desenvolvendo tamén de xeito progresivo no resto da cidade”
Os representantes da corporación local coincidiron en destacar a importancia deste traballo deseñado para un barrio que se creou a finais da década dos 60 e con preto de 2.700 vivendas