Narón-Súmase á colaboración coas persoas damnificadas polo volcán da Palma

O Concello de Narón súmase á campaña de axudas ás persoas afectadas pola erupción do volcán da Palma. A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, e a edil de Benestar Social, Catalina García, acordaron dirixirse ó Cabildo insular co fin de interesarse polo mellor xeito de implementar na cidade accións para axudar ós veciños afectados, ó tempo que lle trasladaron unha mensaxe de ánimo e forza nestes momentos tan difíciles que están atravesando.

Dende o Cabildo insular de La Palma contactaron coa área de Benestar Social para “agradecer enormemente ó pobo de Narón que se dirixise a nós para amosarnos o seu apoio e colaboración nestes momentos tan difíciles”. Ó mesmo tempo, aseguraron que “actualmente temos cubertas todas as necesidades básicas, polo que o mellor xeito de colaborar coas persoas damnificadas é a través da vía económica”, indicando a continuación os procedementos a través dos que se poden realizar esas achegas.

As persoas que desexen colaborar económicamente poden facelo a través de Bizum, código 03747, e tamén dende España realizando o abono no IBAN: ES47 2100 9169 0122 0017 9456 ou dende o estranxeiro, BIC/Código Swift: CAIXESBBXXX, indicando no apartado do concepto “Donación volcán” e como destinatario o “Cabildo Insular de La Palma”.

No Concello de Narón xa se ofreceu a información ás persoas que traballan no propio Consistorio, co fin de que no caso de que estean interesados en colaborar poidan facelo a través das vías indicadas. Así mesmo, destacaron a solidariedade dos veciños de Narón “que sempre que é posible, ante este tipo de situacións teñen demostrado sobradamente a súa solidariedade coas persoas que máis o precisan ante diversas situacións”.

Lea también

Música, maxia, xogos populares e degustación de callos e bolos preñados para celebrar o Día de Narón

  A Praza 23 de Novembro acollerá este sábado os actos do programa co que …