Os tres polígonos industriais de Narón, A Gándara, As Lagoas e Río do Pozo, dispoñen dende hai unhas semanas de servizo de limpeza viaria.
A alcaldesa, Marián Ferreiro, e o edil de Servizos, Ibán Santalla, desprazáronse ó parque empresarial de Río do Pozo para comprobar o avance dos traballos. Ferreiro destacou que “a limpeza viaria dos polígonos é unha das melloras incluídas no novo contrato de Recollida de Residuos Sólidos Urbáns e Limpeza Viaria do Concello, unha acción que permitirá mellorar considerablemente o servizo nos tres polígonos industriais da nosa cidade”.
Ferreiro explicou que “cada luns, mércores e venres un equipo formado por operarios da empresa adxudicataria deste servizo encárgase de realizar estas tarefas, para as que conta cunha barredora, material de desbroce e unha retroexcavadora, entre outros”.
A alcaldesa incidiu en que estas tarefas “cambiarán a imaxe dos polígonos industriais destes tres núcleos da zona urbana, contribuíndo tamén con este servizo que pasa a ter un carácter fixo, porque se viña realizando de xeito puntual, ao desenvolvemento empresarial e mantendo nas mellores condicións os viais, beirarrúas…”.
A maiores, a renovación dos contenedores, que xa están chegando á cidade e a implantación do contenedor marrón para a quinta fracción (residuos orgánicos) é outra das melloras contempladas no novo contrato de recollida de RSU e limpeza viaria de Narón.
Con motivo do reinicio do feirón de Santa Icía, na Solaina, a empresa adxudicataria do servizo é tamén a encargada de realizar a limpeza da zona trala realización deste evento, que ten lugar o primeiro domingo de cada mes. Así mesmo, hai tan só uns días comezaba a traballar na cidade a primeira varredoira eléctrica e dende a entrada en vigor do novo contrato tamén se reforzaron os traballos de desbroces na zona rural ó traballar un equipo de operarios en horario de tarde durante os meses do ano nos que se intensifican estas tarefas e contar ademais cun total de catro tractores, tres a maiores do que se encargaba habitualmente deste traballo.
O Concello de Narón destinou unha partida de 30 millóns de euros para o contrato, os vindeiros dez anos, do servizo de Recollida de Residuos Sólidos Urbáns e Limpeza Viaria en todo o termo municipal.