O Concello de Narón organiza cinco obradoiros encamiñados a ofrecer ás familias ferramentas que faciliten a corresponsabilidade doméstica e a conciliación da vida persoal, familiar e laboral.
As sesións desenvolveranse entre este mes e decembro deste ano nos locais sociais do Concello en horario de mañá, de 10.30 a 12.00 ou de tarde, de 16.00 a 17.30, tal e como indicou a concelleira de Benestar Social, Catalina García.
A edil naronesa explicou que se levarán a cabo os obradoiros de: respiro emocional, «Nin tempo para respirar!»; de xestión doméstica, «Que se coce na túa casa?»; de xogos igualitarios, «A que estades xogando?»; para tecer redes, «Dar que tecer!» e de autocoidados e bo trato, «Coido que te coidas». Cada un destes obradoiros terá unha duración dunha hora e media.
«Estes obradoiros programáronse atendendo ás suxestións que nos seu día nos realizaron veciñas e veciños da cidade ao responder a unha enquisa na que nos interesamos polos problemas de conciliación que tiveron durante a pandemia da covid-19» explicou García. De ahí o feito de organizar este «kit formativo de supervivencia doméstica» dirixido ás familias de Narón, apuntou a edil, que animou á cidadanía a participar.
As persoas interesadas en inscribirse ou obter máis información poden facelo a través do correo electrónico: info@arabias.org ou chamando en horario laboral ó número de teléfono 608 631 376.