Narón-Licitación dos aparcamentos de proximidade da Gándara e Piñeiros

A alcaldesa, Marián Ferreiro, anunciou que o Concello de Narón ten en proceso de licitación a construción dos aparcamentos de proximidade da Gándara e Piñeiros, con máis de 150 prazas.

Ferreiro indicou que se trata de «dúas actuacións moi necesarias e que complementarán na zona urbana ás xa operativas na Solaina, O Ponto e Xuvia« e recordou que o orzamento de licitación é de 215.973 euros. As empresas interesadas en presentar as súas ofertas poden facelo ata o día 22 deste mes, dispoñendo de toda a información na Plataforma de Contratación do Sector Público de Galicia.

O aparcadoiro de proximidade da Gándara licítase por un importe de 97.227 euros. «Este espazo habilitarase na zona coñecida como Catro Camiños, nas proximidades do colexio, a escola infantil municipal, a Casa e o pavillón da Mocidade e tamén moi preto da piscina, do pavillón polideportivo municipal e da Praza da Gándara» explicou a rexedora local. En canto á superficie sobre a que se actuará, apuntou que é unha parcela para a que o Concello chegou a un acordo de uso cos propietarios, e que ten unha superficie duns 4.000 metros cadrados, con acceso dende a rúa Bispo Argaya e a travesía do Colmeote.

No caso do aparcadoiro de Piñeiros, ubicarase na zona do Cadaval, próxima ó campo de fútbol, unha escola infantil municipal… e suporá ás arcas municipais un investimento de 118.745 euros. O Concello adquiriu unha parcela lindeira entre a avenida Miguel de Cervantes e o campo de fútbol do Cadaval. A superficie que se habilitará para estacionamento é duns 2.100 metros cadrados.

«Dende o goberno local continuamos apostando pola humanización dos barrios, unhas tarefas que teñen que vir acompañadas de medidas como a construción de prazas de estacionamento de proximidade, nas que as veciñas e veciños das zonas máis poboadas ou con maior afluencia de tráfico non teñan dificultades á hora de aparcar» subliñou a alcaldesa.

Unha vez que se adxudiquen os contratos a previsión e que se executen as obras de xeito simultáneo, dispoñendo as empresas dun prazo de catro meses para telos operativos, tal e como se recolle no prego.

Lea también

La academia de Baile All Dance Studio actúa este sábado 31 en Narón

El Centro Comercial Odeón acoge este sábado por la tarde la exhibición de la escuela …