Narón-Instalación do sistema de lectura telemática dos contadores da rede de abastecemento

Comezaron na cidade de Narón os traballos que marcan o inicio da instalación do sistema de telelectura de contadores nunhas duas mil vivendas da cidade.

Na xornada do luns, día 27 de setembro, levouse a cabo unha reunión na que persoal da empresa adxudicataria do servizo de abastecemento na cidade, Cosma, recibiu formación específica sobre as tarefas e os equipos cos que se realizará o seguemento de todo o proceso. O edil de Servizos, Ibán Santalla, acudiu tamén á citada reunión, na que se abordou tanto a implantación como o funcionamento dos novos equipos.

Santalla recordou que Cosma destina unha partida de 204.598 euros á instalación do sistema de telelectura de contadores en tres subsectores da rede de abastecemento da cidade. Así mesmo, indicou que tal e como estaba previsto, o vindeiro venres, día 1, comezarase a instalación deses contadores en vivendas ubicadas nos subsectores Concepción Arenal, Vivendas da Mariña e Roncesvalles (esquerda).

«Na xornada de onte instaláronse os equipos da rede de telecomunicacións en farolas da cidade, que estarán comunicados cos contadores porque eses equipos recibirán o sinal que se trasladará ó sistema informático das oficinas de Cosma cos datos sobre lecturas de consumo e alarmas por posibles avarías» explicou o edil.

Os titulares dos inmobles nos que se procederá a cambiar o contador recibirán previamente un aviso da empresa Cosma indicando o día e hora aproximada na que se realizarán os traballos. Estes executaranse primeiro nas zonas nas que se localiza un maior número de contadores que están en espazos interiores e de difícil acceso para o persoal de Cosma, apostando deste xeito dende a compañía por optimizar a lectura dos mesmos.

«Evitamos que a xente teña que enviar tarxetas de lectura no caso de que non estea na casa para que os operarios comproben o consumo e tamén, ó mesmo tempo, os novos contadores de lectura telemática permitirán actuar con maior axilidade no caso de que se detecte unha fuga na instalación, porque os datos recíbense con carácter diario» apuntou Santalla.

O edil de Servizos indicou que as persoas que desexen recibir máis información poden chamar por teléfono ás oficinas de Cosma, no teléfono 900 813 930 ou dirixirse ó correo electrónico: informacion@cosmanaron.es.

Lea también

O Pazo da Cultura acolle a “XXXV Gala do Deporte de Narón”

O Pazo da Cultura de Narón acolle este venres 22 unha nova edición, a trixésimo …