Cabanas-Celebración do orgullo neofalante en colaboración con outros concellos da comarca

O Concello de Cabanas, a través da área de normalización lingüística, chama a celebrar o Día do Orgullo Neofalante, que se celebra este venres, 1 de outubro, coincidindo coa data de nacemento de Andrés do Barro (1947).

Trátase dunha data na que se anima ás persoas que por distintos motivos non usan o galego  (ou non o usan en determinados ámbitos) a comezar a usalo.

A traxectoria desta iniciativa remóntase ó 2014, se ben até o de agora non se incidira nela na nosa comarca, a pesar de asociarse a unha figura tan relevante nos concellos da nosa comarca, e nomeadamente ó de Cabanas, co que Andrés do barro tivo unha estreita relación.

As actividades programadas para este ano están organizadas polo Servizo de Normalización Lingüística que Cabanas comparte, a través da Mancomunidade, cos concellos de Ares, Mugardos, Neda e Valdoviño, e que conta coa subvención da Deputación da Coruña. Tamén colaboran os SNL dos concellos de Cedeira, Fene, Ferrol e Narón.

Entre estas actividades destaca proxección do documental «Barullo» na que participa o seu autor, Xosé Antón Bocixa, un dos veteranos do panorama musical galego, coñecido por ser o vocalista do grupo Zënzar, ademais de videoxornalista, creador de diversos documentais e activista social na defensa do territorio, a cultura e lingua propia. Estará acompañado de Pepe Cunha, dinamizador da nosa comarca, e creador do programa «Ábrete as orellas» premiado en dúas ocasións na categoría de comunicación dos Premios Martín Códax da Música.

Esta actividade será de ámbito comarcal, e se celebrará na Casa da Cultura de Neda, o próximo xoves 30 de setembro ás 19 h. Para participar é necesario reservar praza previamente, chamando ó 981 390 233 en horario de 9 a 13 h e de 16 a 20 h.

Con ela preténdese impulsar o documental «Barullo» para o seu uso nos centro de ensino, asociacións e diversas entidades coa intención de difundir o momento que está a vivir a música galega como motor de dinamización do uso do galego. Esta idea entronca nesta comarca coa figura de Andrés do Barro, que levou o galego ós grandes éxitos, demostrando así o valor de universalidade, utilidade e vitalidade da nosa lingua.

Lea también

109 participantes acuden ó XIX Torneo Cidade de Narón de Tiro con Arco

O pavillón polideportivo municipal da Gándara acolle este sábado 23, a décimo novena edición do …