Narón-O Concello programa catro obradoiros dirixidos ós centros de ensino e familias

O Concello de Narón oferta a través dos obradoiros educativos de Igualdade tres propostas ós colexios en horario lectivo da área de Igualdade e un obradoiro extraescolar de supervivencia doméstica. As edís de Igualdade, Mar Gómez, e Ensino, Mercedes Taibo, presentaron estes obradoiros nos que animan a participar ós centros de ensino e familias da cidade.

Na área de Educación para a Igualdade ofertáronse tres obradoiros para impartir dende o vindeiro mes de outubro ata maio de 2022. Trátase dos de Corresponsabilidade, para alumnado de educación Infantil, de 5 anos; os de Sensibilización sobre os micromachismos, para alumnado de terceiro e cuarto curso de ESO; e os de Coeducación, para primeiro e segundo curso de Primaria.

Gómez explicou que nos de Corresponsabilidade «un personaxe dun conto serve como exemplo de personaxe transgresora dos mandatos de xénero, poñendo en cuestión os estereotipos e apostando por unha aprendizaxe activa entre as nenas e nenos, para que tomen conciencia en primeira persoa da inxusta división sexual de tarefas entre homes e mulleres» apuntou a edil.

Os obradoiros de Sensibilización sobre os micromachismos tamén se impartirán dende outubro deste ano a maio de 2022 en horario lectivo. «É moi importante que as rapazas e rapaces dispoñan dunha serie de recursos que lles permitan identificar roles e estereotipos de xénero, que participen en actividades informativas e de sensibilización contra a violencia de xénero e os micromachismos, traballando o debate e a reflexión colectiva» recalcou.

Así mesmo, no que respecta ós obradoiros de Coeducación «servirán para sensibilizar e fomentar un cambio de mentalidade de valores entre o alumnado dacordo co principio de igualdade entre homes e mulleres, profundizando sobre a coeducación e educación emocional para garantir aulas libres de desigualdades e violencia de xénero»

Pola súa banda, a edil de Ensino, Mercedes Taibo, explicou que o obradoiro de Supervivencia doméstica mantén aberto o prazo de inscrición. Neste caso diríxese a familias con nenos escolarizados en centros de ensino de Narón e profesorado.

Impartiranse tamén dende outubro ata maio e abordarán contidos como o concepto de coeducación para garantir fogares libres de desigualdades e estereotipos de xénero. «É importante reforzar o papel educativo que teñen tanto as familias como o profesorado na transmisión dos estereotipos de xénero, que o alumnado feminino e masculino adquiran diversas habilidades e coñecementos que lles permitan desenvolverse de forma autónoma» indicou a concelleira.

As sesións impartiranse en centros cívicos sociais municipais e outros locais municipais e crearanse un máximo de seis grupos con dez prazas por cada un deles. Trátase dunha proposta de balde, que se desenvolverá en horario de tarde e para a que se poden inscribir as persoas interesadas no Rexistro Municipal ou a través da Sede Electrónica do Concello.

Lea también

Narón acoge en el CC Odeón la exposición de Roberto Marín, ‘Una mirada cofrade’

La plaza de Eventos del Centro Comercial Odeón ha inaugurado este viernes 11 la exposición …