A alcaldesa, Marián Ferreiro, asinou na mañá deste xoves con Luis González, presidente da Asociación de Jóvenes Empresarios de Ferrol, Eume e Ortegal, un convenio de colaboración que permitirá desenvolver un «Programa de asesoramento post covid».
No acto estivo tamén presente o concelleiro de Promoción Económica da cidade, David Pita. O Concello realizará unha achega económica de 5.000 euros.
Ferreiro explicou que o programa a levar a cabo en colaboración con AJE se dirixirá a empresas do concello afectadas polo impacto económico derivado da declaración do estado de alarma, tal e como se recolle no documento, coa finalidade de «promover e apoiar o emprendemento».
«Os emprendedores e emprendedoras e tamén os empresarios e empresarias de Narón que tiveron que suspender ou aprazar actividades económicas e empresariais tras debido á pandemia son os destinatarios deste programa, que ofrecerá unha serie de asesoramento de técnicos profesionais especializados en xestión empresarial de cara a buscar solucións que lles permitan mellorar a súa situación económica» recalcou a alcaldesa.
Captación de financiamento e xestión financieira, Erte, temas laborais e fiscais, plans de continxencia, teletraballo, procesos de contratación de persoal… son algunhas das áreas sobre as que se ofrecerá asesoramento, tal e como se recolle no convenio.
O presidente de AJE agradeceu a colaboración, un ano máis, do Concello naronés para continuar desenvolvendo importantes e necesarios proxectos de apoio ó sector empresarial.