O Concello de Narón comezou a pasada semana o seguimento «porta a porta» ós participantes na campaña municipal de compostaxe caseira a fin de que as persoas usuarias desenvolvan correctamente esta técnica, teñan a oportunidade de resolver dúbidas e reciban o oportuno asesoramento por parte de persoas técnicas especialistas na materia.
Esta campaña, destinouse á participación de 100 veciños e veciñas do municipio que recibiron os correspondentes medios materiais para a elaboración de compost de forma totalmente gratuita.
O concelleiro de Servizos, Ibán Santalla, recordou que «a través desta iniciativa o Concello de Narón busca unha mellor solución para os residuos orgánicos xerados nos fogares ó mesmo tempo que procura evitar a deposición de restos vexetais de podas nos contenedores municipais ou na vía pública, coas vantaxes que isto supón»
Esta iniciativa lévase a cabo en colaboración coa Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia, no marco do programa Feder 2014-2020.