O novo contrato de Recollida de Residuos Sólidos Urbáns (RSU) e limpeza viaria no concello de Narón entrou en vigor a pasada semana.
O concelleiro de Servizos, Ibán Santalla, destacou o feito de que «parte das melloras contempladas nese novo contrato xa se están aplicando e o resto implantaranse progresivamente, co fin de mellorar este servizo tanto na zona urbana como na rural»
Unha das accións máis inmediatas é o reforzo nos traballos de desbroces que se acometen na zona rural, para limpar a maleza das marxes dos viais de titularidade municipal.
«Dende hoxe os tractores que realizan estas tarefas estarán operativos tamén en horario de tarde, polo que os desbroces levaranse a cabo durante a mañá e a tarde este mes e tamén en setembro e, no caso de ser necesario, prolongaríase o servizo durante todo o día tamén no mes de outubro» explicou Santalla.
O edil naronés indicou que esta semana os tractores están traballando nas parroquias de San Mateo, Pedroso e Sedes e que a medida que avancen as semanas se irán desprazando a outras parroquias ata completar todos os núcleos da zona rural.
«Esta é unha das melloras máis importantes do novo contrato porque é fundamental ese labor que permite mellorar a seguridade viaria e tamén reforzar a limpeza para reducir o risco de incendios» apuntou o concelleiro de Servizos.
Na actualidade, tal e como recordou, no termo municipal os tractores están realizando xa, dende o inicio do ano, unha cuarta ronda de desbroces nas parroquias do rural.
En base ó novo contrato operarios da empresa adxudicataria do servizo se encargarán tamén da limpeza da zona na que se realiza o primeiro domingo de mes o feirón de Santa Icía, tras facerse cargo o Concello do desenvolvemento desta cita mensual que antes xestionaba a AVV da Solaina.
Santalla explicou que «as melloras a aplicar iranse vendo paulatinamente, coa chegada tamén nas vindeiras semanas dunha barredora eléctrica e co incremento en dúas persoas máis do equipo de persoal de limpeza viaria, que estaba formado por dez persoas e pasa a ser de doce na zona urbana e nos polígonos industriais da Gándara, As Lagoas e Río do Pozo«
«Seguiremos traballando para mellorar os servizos que se ofrecen dende o Concello á cidadanía e este contrato vén a constatar esa vontade e esa aposta do goberno local por manter a nosa cidade nas mellores condicións de limpeza e tamén é unha firme aposta por fomentar a reciclaxe e a implantación de servizos como o contenedor marrón, a quinta fracción –materia orgánica- para cumprir a normativa europea» subliñou