Narón-A piques de comenzar as obras de rehabilitación do muíño de Xuvia

A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, e o concelleiro de Obras, Pablo Mauriz, desprazáronse ata o muíño de Xuvia para asistir ó acto de sinatura da acta de replanteo que marca o inicio dos traballos de rehabilitación previstos para o día 27 de xullo

O Concello adxudicou á Unión Temporal de Empresas formada por Prace, Servicios y Obras e Emergis Construcción SL a intervención, que suporá un investimento de 1.253.566,93 euros.

Ferreiro e Mauriz estiveron acompañados por responsables da empresa adxudicataria e persoal da dirección de obra. A actuación está cofinanciada pola Deputación da Coruña e polo Fondo Europeo de Desarrollo Regional (FEDER) no marco do Programa Operativo Plurirregional de España Feder 2014-2020 e enmarcado na Estrategia de Desarrollo Urbano Sostenible e integrado (EDUSI) «Ría de Ferrol, Cidade 2020″

Ferreiro explicou que «unha vez asinado o documento oficial, está previsto que esta mesma tarde se proceda a vallar o exterior do inmoble para mañá iniciar oficialmente os traballos que permitirán recuperar esta importante construción da nosa cidade»

Muiño de Xuvia

Sobre as obras a executar nos vindeiros meses a alcaldesa recordou que «se reconstruirán os edificios que forman este complexo fabril do século XVIII, recuperando na medida do posible os elementos máis singulares e implantando ao mesmo tempo medidas de eficiencia enerxética»

O antigo edificio de vivendas, na planta baixa, habilitarase como museo e área didáctica, mentres que na planta superior se acondicionará un espazo polivalente no que se poderán organizar diversos actos públicos, como charlas, obradoiros, exposicións… Así mesmo, a zona que ocupaba o antigo almacén habilitarase como centro de recepción de visitantes e punto de información, estando o espazo unido aos outros dous elementos a través dun patio interior que se cubrirá cunha estrutura de vidro.

O Consistorio naronés aboará con cargo aos orzamentos deste ano 721.194,10 euros e os restantes 532.372,83 na vindeira anualidade, tal e como se estableceu.

«Este é un dos proxectos máis esperados na nosa cidade, cun gran significado para todas as naronesas e naroneses porque se trata dun edificio moi emblemático, que desempeñou un papel moi importante na historia de Narón e que ocupa un espazo privilexiado para entender a relación histórica da cidade coa tradición industrial» apuntou a alcaldesa.

Lea también

Narón iza a bandeira galega na Casa da Cultura

O Concello de Narón  programou para este sábado coincidindo co 23 de novembro, festividade local, …