Narón-O Pazo acollerá o vindeiro 17 de xullo o “XXX Festival Internacional de Folclore”

O Pazo da Cultura de Narón acollerá o vindeiro 17 de xullo a trixésima edición do Festival Internacional de Folclore organizado polo Padroado da Cultura. A presidenta do citado organismo e alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, e o concelleiro de Cultura, Guillermo Sánchez Fojo, deron a coñecer na mañá deste xoves o programa de actuacións, un total de catro, que comezarán a partir das 20.00h horas. “A mellora da situación sanitaria permítenos recuperar este ano outra das propostas de referencia na área cultural da nosa cidade, o Festival Internacional de Folclore, no que tres agrupacións internacionais, “Raíces de Perú” (Perú), “Illa de Pascua-Inanga Rapa Nui (Chile) e “Ballet Jammu” (Senegal) compartirán escenario coa Banda  de Gaitas “Alxibeira”, do Padroado da Cultura de Narón”, indicou Ferreiro.

A escola de gaitas do Padroado

A Escola de Gaitas do Padroado da Cultura, dirixida por Román Romero, constituíuse no ano 1982 co obxectivo de salvagardar e contribuír á difusión da música tradicional galega. Dende 1987 actúa cada ano en numerosos concellos galegos e tamén doutras comunidades e países. Está integrada por 45 persoas de diferentes idades e as gaitas coas que tocan construíronse no prestixioso obradoiro de gaitas Seivane. É unha das bandas máis antigas da comarca e conta cun amplo repertorio de corte tradicional e tamén de pezas de novos autores. O seu repertorio é de corte tradicional: muiñeiras, xotas, pasodobres, alboradas… e inclúe tamén pezas compostas por novos autores cun marcado carácter galego, reforzando deste xeito a aposta do Concello de Narón por promocionar novos valores da música galega e por difundir as
tradicións musicais de Galicia.

O grupo «Alxibeira»

O Grupo “Alxibeira” do Padroado intégrano mozas e mozos de entre 15 e 30 anos e creouse no ano 1986 con integrantes das Escolas de Baile Tradicional do Padroado. O obxectivo do grupo é a revalorización do folclore e costumes de Galicia e a recuperación das nosas tradicións, fins para os que “Alxibeira” realizou un intenso traballo de investigación por Galicia na procura de bailes, cancións… para elaborar o seu repertorio. Os traxes dos integrantes da agrupación foron reconstruídos
seguindo os patróns dos antigos e incluso conservan algunhas pezas orixinais.

«Raices de Perú»

En canto a “Raíces de Perú”, trátase dunha formación constituída no ano 2009 en Madrid co obxectivo principal de difundir a danza peruana e contribuír deste xeito a reforzar a identidade nacional. Participaron en numerosos festivais en España e Europa difundindo a cultura peruana e o repertorio abarca todo o ámbito nacional, dende Lima e Ica, na costa, ata Junina o Ayacuho na serra ou Huánuco, na selva amazónica.

«Illa de Pascua-Inanga Rapa Nui”, de Chile

Outra das formacións que se poderán ver en Narón é “Illa de Pascua-Inanga Rapa Nui”, de Chile, que se fundou no ano 2013 por cidadáns chilenos residentes en Barcelona. O seu nome significa “de alma ou espírito Rapa Nui”, e o seu traballo artístico céntrase en realizar cadros representativos tradicionais do folclore chileno, en concreto de Illa de Pascua para difundilo a través do canto e da danza e valorar deste xeito a tradición cultural insular.

O “Ballet Jammu”, de Senegal

Dende Senegal chegará O “Ballet Jammu”, un proxecto que nace no ano 2008 en Dacar e no que se fusionan dúas ideas: facer un grupo de folclore estable e, á vez, escola de música e danza. Ten a súa sede no Centro Cultural de Yoff e integran o grupo músicos novos e bailaríns de todas as etnias de Senegal, que presentan nos espectáculos as danzas máis tradicionais e bailes cheos de enerxía e acrobacias.

As entradas para este evento están á venda no despacho de billetes do Pazo, a un prezo de 2 euros para abonados, desempregados e persoas con carné Xove ou de estudante e de 3 para o resto.

A alcaldesa e o edil de Cultura animaron á cidadanía a acudir a este evento, “co que se pon en valor a nosa identidade cultural e tamén a doutros países, tal e como se vén facendo nos últimos vinte e nove anos a través desta convocatoria”.

Lea también

La academia de Baile All Dance Studio actúa este sábado 31 en Narón

El Centro Comercial Odeón acoge este sábado por la tarde la exhibición de la escuela …