Os Comités de Navantia elevan ó Congreso a urxencia do dique seco na Ría de Ferrol

Fot. Galicia Ártabra

Os Comité de Empresa de Navantia Ferrol-Fene veñen de elevar ó Congreso dos Deputados a súa reclamación para que se concreten os investimentos previstos e comprometidos polo Goberno central para o dique seco que os estaleiros da nosa ría precisan con urxencia para asegurar o emprego e a súa competitividade global.

Os delegados sindicais, que o pasado xoves elevaron a súa moción ao pleno do Concello de Ferrol buscando o respaldo unánime de todos os grupos políticos, veñen de rexistrar agora na Cámara Baixa a súa reclamación a través do grupo confederal de Unidas Podemos-Galicia en Común.

No escrito, rexistrado este martes 29, o deputado galego Antón Gómez Reino, insta ó Ministerio de Facenda, do que dependen SEPI e Navantia, a que se pronuncie axiña e con total claridade se contemplan a transformación integral do estaleiro de Ferrol cun dique cuberto de construción civil e militar.

Ó tempo, demanda que se fixe un calendario de datas e investimentos para acometelo a maior brevidade, así como a definición estratéxica das inversións e prazos para as áreas de Carenas e Turbinas.

Os Orzamentos Xerais do Estado inclúen unha dotación de 35 millóns de euros para 2021 a cargo da SEPI, destinado ó Taller de Fabricación de Subloques de Ferrol, cunha previsión de 54,7 millóns máis para o 2022. As inversións totais previstas para 2021 por parte da SEPI ascenden a 55,2 millóns de euros, cunha previsión de 62,9 millóns para 2022.

Non obstante, e pese a estes compromisos no papel dos PGE, os Comités de Navantia Fene-Ferrol reiteran, tal e como veñen facendo en sucesivas mobilizacións, a falta de carga de traballo e a súa incerteza sobre as actuacións concretas a desenvolver instando as Administracións responsables a definir sen dilación as solucións concretas como xa deberan ter feito desde que hai un lustro se determinou a importancia estratéxica do dique para o futuro do naval público galego.

Lea también

Luz verde a la rehabilitación del edificio de la antigua Aduanas en la zona portuaria

La Autoridad Portuaria de Ferrol-San Cibrao ha adjudicado a la empresa Prace Servicios y Obras …