A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, presentou este mércores o proxecto do parque cuberto da praza 23 de Novembro, na Gándara, nunha convocatoria á que asistiron representantes da entidade veciñal do barrio. A rexedora local estivo tamén acompañada no acto, que se desenvolveu na citada ubicación, polo edil de Servizos, Ibán Santalla e o de Obras, Pablo Mauriz. Ferreiro destacou que se trata “dunha actuación sobre a que hai un tempo que estamos traballando e que finalmente se levará a cabo cun investimento municipal que ronda os 245.000 euros”.
En canto á reforma que se vai executar a alcaldesa explicou que se decidiu facer nese parque por estar nunha zona resgardada do vento, ao ter edificios moi próximos, e “na que terá mellor acollida un proxecto destas características”. Os traballos consistirán na construción dunha estrutura sombreada cun total de seis pezas hexagonais, unidas entre si e que semellan un paraugas invertido, tal e como explicou Ferreiro. Así mesmo, indicou que “a cuberta será dun material transparente, o que contribuirá a manter a iluminación natural dese espazo e tamén realizada de tal xeito que nos
permitirá no caso de que sexa necesario ampliala”. A maiores esa iluminación
reforzarase con tiras led que se anclarán á propia estrutura.
A rexedora local avanzou que os elementos de xogo renovaranse na súa totalidade e reubicaranse en función das necesidades que se plantexen para materializar esta actuación. En canto ao chan, será de caucho de colores e tamén terá formas hexagonais, nunha simulación ao deseño da cuberta. “Ao tratarse dun espazo rodeado de vexetación e árbores, co fin de lograr unha maior integración paisaxística, tamén se plantarán flores e outras especies decorativas para tapar as columnas que suxetarán a cuberta”, apuntou a rexedora local.
Os representantes veciñais que acudiron á convocatoria valoraron positivamente o proxecto e destacaron que se trata dunha praza moi concurrida ao estar nunha zona donde residen moitas familias con nenas e nenos pequenos.
A previsión actual é licitar en canto sexa posible os traballos para que poidan iniciarse nos vindeiros meses e estar rematados a finais deste mesmo ano, tal e como indicaron os representantes do goberno local.
A alcaldesa subliñou que “dende o Concello se continúan ampliando e mellorando as zonas de lecer e o proxecto que hoxe presentamos é unha mostra máis dese compromiso que mantemos e que nos permitirá contar dentro duns meses co primeiro parque cuberto na cidade”.