Narón-O polígono de Río do Pozo acollerá os días 11, 12 e 13 de xuño a primeira edición da “Feira do Motor»

Os edís de Feiras e Mercados e de Promoción Económica, Santiago Galego e David Pita, presentaron na mañá deste venres a primeira edición da Feira do Motor de Narón, que se celebrará os días 11, 12 e 13 de xuño no polígono de Río do Pozo. Galego indicou que a convocatoria reunirá uns 300 vehículos novos, de ocasión e quilómetro 0 de trece concesionarios. “O pasado ano tivemos que aprazar este evento debido á situación sanitaria”, recordou Galego, que considera “moi importante esta feira porque estamos nunha zona moi vencellada ao mundo do motor e este é un atractivo máis que non queriamos deixar pasar”. A través da páxina web: feiradomotornaron.es poderase consultar toda a información deste evento.

Levarán vehículos e ofrecerán descontos os concesionarios Corgal Automóviles, Gándara Motor, Autos Ferrol, Movilría, Anta Motor, Priorauto, Integral Automoción, Finisterre Motor, Grupo Caeiro, Autogándara, Gonzacar, Manuel Rey y Grupo Breogán. Os vehículos poderán verse no estacionamento de camións de Río do Pozo -fronte á nave loxística de Lidl- e o acceso será de balde –con control e limitación de aforo- os tres días entre as 10.00 e as 21.00 horas.

Así mesmo, colaborarán as firmas Electric Sun Mobility (ESM), que ofrecerá asesoramento de balde sobre mobilidade sostible; a Asociación de usuarios de vehículos eléctricos (AUVE), que levará unha mostra deste tipo de vehículos e ofrecerá a posibilidade de compartir experiencias persoais co público asistente; o Motoclub Fojeteiros, que mantén a súa actividade en Narón e é tamén representante do sector do motor; e o Auto Club Clásicos Narón, que levará vehículos de 40 anos ou máis de antigüidade. Galego subliñou tamén a vinculación da cidade ao mundo do motor, citando o éxito de convocatorias como a concentración moteira do Motoclub Fojeteiros e tamén o Rally de Narón.

«Un sector dos máis fortes da comarca» (David Pita)

Pola súa banda, o edil de Promoción Económica, David Pita,  destacou a importancia de apoiar ao sector da automoción “un dos máis fortes da comarca en número de empresas e que debido á reducción da mobilidade polas restricións da covid-19 rexistrou estragos importantes na súa facturación, que esperamos que alomenos poidan paliar parcialmente con este evento”. Pita asegurou que “ao mesmo tempo queremos poñer en valor o polígono de Río do Pozo, para que as empresas que se queiran instalar saiban que as acolleremos de moi bo grao”.

Finalmente, os edís naroneses convidaron á cidadanía de Narón e doutros concellos a acudir a esta cita e agradeceron a implicación de todas as empresas e entidades que estarán presentes esa fin de semana na Feira do Motor, que xorde con intención de consolidarse nos vindeiros anos.

Lea también

Axenda en Narón do 22 ao 23 de novembro

Venres 22 de novembro de 2024 Actividade: Obradoiro de defensa persoal para as mulleres Hora: …