Narón-O Concello conmemora con varios actos o Día Mundial do Medio Ambiente

O Concello de Narón sumarase ao “apagón” programado dende o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade para concienciar á cidadanía sobre o cambio climático. Esta acción xorde para conmemorar o Día Mundial do Medio Ambiente, que se celebra este sábado, día 5 de xuño, e encádrase no proxecto europeo “People and Planet”. A edil de Benestar Social, Catalina García, recordou que este sábado pola noite se apagarán as luces que iluminan a fachada do Pazo da Cultura para sumarse a esta convocatoria, na que participan unha vintena de concellos galegos.

O Consistorio naronés contribuirá deste xeito a acadar os obxectivos de Desenvolvemento Sostible fixados por Nacións Unidas e, en especial, ao ODS 13: adoptar medidas urxentes para loitar contra o cambio climático e os seus efectos. Dende o Fondo Galego inciden en que “tanto as institucións como a cidadanía poden tomar medidas neste senso, como empregar o transporte público ou a bicicleta, elixir aparellos de baixo consumo, programar unha temperatura racional no fogar, encher ben a lavadora e o lavalouza ou apagar as luces e dispositivos como o ordenador cando non os utilicemos”.

Consumir menos e facelo de xeito responsable contribúe, recalcan, a combater a emerxencia climática e a protexer os ecosistemas, temática sobre a que se centra este ano o Día Mundial do Medio Ambiente, baixo o lema “Reimaxina, rexenera, restaura”.

Así mesmo, na xornada deste sábado levarase a cabo unha plantación de árbores no paseo de Xuvia, en colaboración con Indipunt, que terá lugar a partir das 10.30 horas –nas inmediacións do parque canino- e que se levará a cabo cun grupo reducido de persoas colaboradoras debido á actual situación sanitaria.

O concelleiro de Medio Ambiente, Santiago Galego, explicou que tamén está aberto o prazo para añorarse nunhas xornadas de observación da flora e fauna que se levarán a cabo os días 9 e 10 de xuño –ás 18.00 e 19.30 horas- e dirixidas por profesionais medioambientais. O edil avanzou que se habilitarán 20 prazas para cada unha das catro quendas e que se poden anotar as persoas interesadas facilitando os seus datos (nome e apelidos, teléfono de contacto) na dirección: m.ambiente@naron.es .

Así mesmo, a Biblioteca municipal acollerá a partir do vindeiro luns unha exposición bibliográfica con motivo do Día dos Océanos –que se conmemora o 8 de xuño- e que se enmarca tamén nos actos do día Mundial do Medio Ambiente. Poderá visitarse ata o 12 de xuño no horario de apertura das instalacións. A maiores, tal e como indicou a edil de Ensino, Mercedes Taibo, indicou que esta semana na Ludoteca municipal da Solaina se celebraron varios actos con motivo do Día Mundial do Medio ambiente. Este venres  remataron pola tarde coa proposta “Bosque na ludoteca”, que se levou a cabo de 16.15 a 17.15 horas e na que os menores de 3 a 12 anos recrearon un pequeno
bosque nunha bandexa utilizando auga, papel e algunhas verduras e hortalizas, para ver como van medrando co tempo pequenas herbas, a modo dunha fraga.

Lea también

Axenda en Narón do 22 ao 23 de novembro

Venres 22 de novembro de 2024 Actividade: Obradoiro de defensa persoal para as mulleres Hora: …