Iván Rivas, portavoz municipal do BNG no Concello de Ferrol, á vista dos datos da execución orzamentaria no primeiro trimestre deste ano advirte ao goberno local que «é preciso que mude de estratexia económica para a cidade e se pregunta si realmente o goberno local ten interese en levar adiante uns orzamentos municipais por primeira vez no mandato«.
Iván Rivas considera que «nada ten mudado na política económica municipal durante estes tres primeiros meses do ano e este goberno insiste en aplicar os mesmos criterios de contracción de gasto público e redución de débeda, unha política económica que ten sumida á cidade nunha parálise e precarización de servizos municipais«.
Tal e como constata o informe de execución trimestral do primeiro trimestre do ano «o grao de execución dos investimentos sitúase nun o 10,79 % e se prevé un remanente para gastos xerais de 6,39 millóns ao final do ano 2021«.
O gasto que ten que ver coas transferencias correntes «é dun pobre 0 % no que ten que ver coas transferencias de capital ás entidades«. Esta actitude do goberno «está a comprometer moitas actividades e traballos desenvolvidos polas diferentes asociacións e colectivos que existen na cidade así como ás axudas e subvencións que os veciños e veciñas da cidade deberían recibir por parte do Concello«.
En contraste con estas «baixisimas porcentaxes de execución» destaca o incremento no recadado por multas de tráfico «onde se levan ingresado 229.740€ nas arcas municipais por multas nos tres primeiros meses do ano«.
Para Iván Rivas é «significativo» que despois de dúas semanas «nas que se nos achegou unha parte do borrador dos orzamentos municipais para o 2021 atopámonos co silencio e a indiferenza do goberno municipal diante das diversas propostas formuladas polo BNG.»
Para o BNG o o feito de que non lles teña convocado nin a primeira reunión «para avaliar conxuntamente a proposta de orzamentos municipais» demostra o «escaso interese do goberno de Ángel Mato en sacar adiante uns orzamentos municipais en colaboración co BNG e en que estes sirvan para mudar as cousas en Ferrol«.