O programa reunirá catro encontros musicais con agrupacións corais de diferentes puntos de Galicia e ofrecerá todos os concertos de xeito gratuíto.

A Asociación Veciñal Ultramar pon en marcha en Ferrol este domingo, 29 de novembro, unha nova edición do ciclo musical de Nadal, unha proposta cultural que volverá encher de música e espírito do Nadal a igrexa parroquial de Santo Domingo.
O ciclo dará comezo ás 19.00 horas coa actuación da Coral Chorima de Castro, que será a encargada de inaugurar esta programación especial, pensada para achegar a música coral á veciñanza e ofrecer ao público a oportunidade de gozar do traballo de diferentes agrupacións musicais.
A programación continuará durante o mes de decembro con outras tres citas:
-
Sábado 12 de decembro, ás 19.00 horas: actuación da Coral Polifónica Ferrolana «A Magdalena» e da Coral Abraira de Rianxo.
-
Sábado 19 de decembro, ás 19.00 horas: concerto da Coral Concerto Tempo e da Coral Ludus Tonalis da Coruña.
-
Domingo 20 de decembro, ás 19.00 horas: actuación da Coral Alecrín de Brión e da Coral dos Profesionais da Área Sanitaria de Ferrol.
Todos os concertos terán lugar na igrexa parroquial de Santo Domingo e contarán con entrada libre e gratuíta, co obxectivo de facilitar a participación de toda a cidadanía nesta proposta cultural.
Con esta iniciativa, a AVV Ultramar aposta pola música coral como elemento de encontro e convivencia, contribuíndo a dinamizar a vida cultural do barrio e a crear espazos para compartir a celebración do Nadal a través da música.
A asociación convida a toda a veciñanza de Ferrol e da contorna a participar nesta programación e a acompañar as diferentes corais nunhas xornadas que prometen converter a música nunha das protagonistas destas festas.
A programación complétase con outras actividades para a veciñanza
Ademais do ciclo de concertos, a AVV Ultramar organizou outras actividades para estas datas co obxectivo de fomentar a participación e a convivencia veciñal.
Así, o 5 de decembro terá lugar unha excursión a Portugal, con visitas a Vilanova da Cerveira e Fortaleza. O prezo será de 20 euros para as persoas asociadas e de 23 euros para as non asociadas.
Por outra banda, o 17 de decembro, ás 16.00 horas, o Concello de Ferrol, dentro do programa Madurescentes, celebrara un tardeo gratuíto de artesanía e chocolatada, unha actividade pensada para compartir un momento de encontro e creatividade. As prazas son limitadas e a inscrición pode facerse na propia AVV Ultramar, no teléfono 981372743 ou en avvultramar@gmail.com.
Galicia Ártabra Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.
