O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol, diante das declaracións feitas esta mañá polo alcalde da cidade respecto da conexión ferroviaria Ferrol-A Coruña, pediulle ao alcalde Ángel Mato «que deixe de facer demagoxia porque o que hai que facer xa se sabe e él máis que ninguén, e non son máis estudos que se repiten un tras outro«.
Iván Rivas advertiulle ao alcalde da cidade que o problema non é a falta de estudos «é a falta de compromiso político e económico para executalos«.
O voceiro municipal do BNG indicou que o proxecto e estudo do que fala Ángel Mato «xa existe desde 2009 e foi o propio Mato e o goberno local daquel momento quen paralizou a súa execución«.
En 2008 e 2009 o BNG condicionou o seu apoio aos orzamentos do estado á modernización da liña ferroviaria Ferrol-A Coruña. Dotáronse 6 millóns de euros en 2008 e 15 millóns de euros en 2009 para a execución destas obras. Este diñeiro, ademais, tiña como obxecto deseñar un modelo homologado co resto do Eixo Atlántico, é dicir que contemplara: dupla vía , electrificación, compatibilidade de viaxeiras e mercadorías. «Xusto o que hoxe nos veu a vender o alcalde desta cidade como grande novidade«, afirma Iván Rivas.
Este proxecto «licitouse en 2009 e estaba pendente de trámites administrativos para o seu desenvolvemento e execución, entre eles, o ditame do Concello de Ferrol«. Un ditame que «se non se desenvolveu foi porque o goberno local daquel tempo, no que Angel Mato era responsábel de Urbanismo, paralizou a execución deste proxecto«. Iván Rivas indicou que «non se trata de facer revisionismo do pasado pero tampouco en continuar a facer demagoxia como até agora«.
O BNG destaca que a «realidade, a día de hoxe, é que nos orzamentos do estado deste ano 2021 non se inclúe ningún euro para a renovación desta infraestrutura ferroviaria de conexión Ferrol-A Coruña e o peor non é que non haxa dotación económica, senón que Ferrol está excluido de facto do Eixo Atlántico Ferroviario o cal si que ten dotación económica para os tramos A Coruña-Santiago (2,3 millóns de euros) e Santiago-Vigo (600.000 €).«
Creen desde o BNG que «xa basta de demagoxia e basta xa de desenvolver estudos sobre estudos que repiten o mesmo que xa coñecemos todos pero que non teñen ningunha implicación práctica«. Por isto o BNG esixe ao alcalde de Ferrol que «se deixe de facer estudos que xa existen e que se comprometa coa execución destas obras reclamándolle ao Estado compromisos económicos para facelos efectivos de maneira inmediata e urxente, para poder ter unha conexión ferroviaria áxil de saída da cidade de Ferrol que sexa compatíbel co tráfico de viaxeiras e mercadorías«.