En Narón-A alcaldesa asinou un convenio de colaboración coa Fundación Terra de Trasancos

A alcaldesa, Marián Ferreiro, asinou un convenio de colaboración co presidente da Fundación Terra de Trasancos (O Val), José Díaz, co fin de continuar desenvolvendo actividades no ámbito da acción social. A entidade recibirá das arcas municipais unha partida de 15.000 euros, con cargo á que se realizarán varias propostas dirixidas á cidadanía.

En virtude a este acordo levaranse a cabo os obradoiros de memoria e estimulación cognitiva, do grupo de apoio en patoloxía osteoarticular, artritis reumatoide e artrose, o de aerobic terapéutico, de coredance, de informática e internet, de psicomotricidade e de ximnasia terapéutica, tal e como se recolle no documento asinado.  

A maiores, a citada Fundación colaborará co Concello en eventos conmemorativos que se organicen dende a administración local e cunha temática relacionada coa área de acción social.

As actividades programadas desenvolveranse no local da entidade, agás no caso de que non sexa posible, e atendendo en todo momento ás indicacións que se formulen dende as autoridades sanitarias debido á crise da Covid-19.

Ferreiro indicou que dende o Concello se asinan cada ano convenios de colaboración para impulsar actividades relacionadas coa promoción social da cidadanía e destacou o labor da Fundación Terra de Trasancos,unha entidade que conta cos recursos, a infraestrutura e a experiencia necesarias para traballar co colectivo ao que se dirixen as actividades incluídas neste convenio, as veciñas e veciños da zona rural do municipio, que dispoñen deste xeito dunhas instalacións próximas nas que poder participar en propostas enmarcadas no programa municipal de maiores do Concello”.

Lea también

Narón iza a bandeira galega na Casa da Cultura

O Concello de Narón  programou para este sábado coincidindo co 23 de novembro, festividade local, …