O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol acusa a Xunta de Galicia de ter pechadas «sen xustificación» as oficinas do Instituto Galego da Vivenda e Solo na cidade «causando graves prexuízos a moitas veciñas e veciños da nosa cidade«.
O BNG advirte que estas oficinas levan semanas pechadas, «que non se atenden as denuncias feitas polos usuarios demandando a súa reapertura o que está imposibilitando que os veciños e veciñas poidan xestionar ningun tipo de trámite nunha cidade onde a administración autonómica conta cun parque de vivendas da súa propiedade dos máis numerosos de Galiza«.
Este feito «unido às longas listas de agarda que existen no resto de servizos administrativos da Xunta na nosa cidade, onde é preciso acudir con cita previa e no que hai que destacar que a lista de espera para o Rexistro Xeral é de cando menos 15 días, provocan que moitos usuarios e usuarias teñan verdadeiras dificuldades para realizar xestións como, por exemplo, a devolución das fianzas dos alugueres«.
Desde o BNG solicitan à Xunta de Galicia que proceda «a reforzar o persoal nos servizos administrativos na nosa cidade que posibiliten a apertura das oficinas da delegación local do IGVS e axilicen as xesitión no resto de servizos«.