O BNG propón que as sesións plenarias se celebren no Teatro Jofre

Iván Rivas e María do Mar López en rolda de prensa | Adán Puentes

O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol considera que as medidas que se tomen no ámbito municipal co obxectivo de recuperar o funcionamento presencial da vida municipal, tanto administrativa como política, tras a situación do estado de alarma, deben de implementarse «sen que as mesmas supoñan unha merma nos dereitos dos veciños e veciñas da cidade a poder participar de xeito activo na vida municipal como viña acontecendo antes da pandemia da covid-19«.

O BNG considera que a recuperación da dinámica política, a recuperación do funcionamento dos órganos de representación institucional de xeito presencial «debe garantir os dereitos dos veciños e veciñas«. Neste contexto a presencia de veciños e veciñas nas sesións plenarias, «tanto como observadores como participando nas mesmas, é un obxectivo a acadar e que é perfectamente asumibel«.

É por isto que o BNG, visto que o salón de plenos do pazo municipal, non está preparado para acoller sesións plenarias coas novas directrices marcadas polas autoridades sanitarias, propón que a partir deste momento as sesións plenarias pasen a desenvolverse no Teatro Jofre, «xa que é o espazo máis acaido, ao posibilitar tanto o mantemento das distancias de seguridade esixidas entre os e as integrantes da corporación e a presencia de público en condicións de seguridade respecto das normas fixadas».

Para o BNG os criterios que se establezan para desenvolver o proceso de recuperación da actividade política presencial non vai ter un carácter esporádico e por tanto esta medida pode ser considerada con carácter temporal ou definitiva. «Lembramos que outros concellos do noso país xa viñan desenvolvendo estas reunións fora dos salóns de plenos dos pazos municipais e ademais é unha medida que a propia lexislación xa contempla«.

Para o BNG o obxectivo prioritario debe ser garantir «os dereitos dos veciños e veciñas de participación tanto na vida municipal como atender ás súas necesidades e demandas a través das oficinas municipais garantindo a seguridade tanto dos veciños e veciñas como dos traballadores e traballadoras municipais«.

Lea también

Detenido en Canido uno de los principales proveedores de droga a Ferrol, con 3,5 kilos de cocaina

La Policía Nacional detuvo a un hombre en Ferrol como presunto autor de un delito …