Valdoviño presenta a súa candidatura ao proxecto europeo Smart Rural 21

O Concello de Valdoviño presentou a súa candidatura á convocatoria europea Smart Rural 21, unha rede de pobos e zonas rurais que ten por obxectivo promover estratexias e solucións intelixentes aos problemas de despoboación. Das 224 candidaturas rexistradas en España, 5 teñen o seu orixe en Galicia e, unha destas, foi a do Concello de Valdoviño. Será a finais de xuño, en todo caso, cando se resolva a convocatoria confirmando finalmente as propostas aprobadas.

O despoboamento das zonas rurais e os pequenos núcleos de poboación é unha
preocupación tanto estatal como Europea. Reverter esta tendencia é un reto
compartido ante o que se require de grandes doses de innovación, planificación,
cooperación interadministrativa e, especialmente, vontade política.

Smart Rural 21 ten unha duración de dous anos e medio. Está coordinado polo Grupo E40 e apoiado pola Comisión Europea, coa finalidade de promover e inspirar aos pobos no desenvolvemento de estratexias intelixentes (Smart Villages) en toda Europa, a través do intercambio de coñecemento e un enfoque integral e participativo na planificación. Así mesmo, a participación no proxecto permitirá obter conclusións e apoiar as futuras intervencións da PAC na rede resultante de Smart Villages.

No marco deste proxecto, seleccionaranse 17 entidades poboacionais de toda Europa, que recibirán asesoramento e apoio técnico nas súas estratexias. Actualmente están preseleccionados 5 pobos de Irlanda, Finlandia, Francia, República Checa e Grecia. Os 12 municipios restantes seleccionaranse a través desta convocatoria que finalizou o 11 de maio.

A proposta de Valdoviño

A proposta de Valdoviño basea a candidatura nas oportunidades do ecoturismo, o surf e o importante tecido creado ao seu redor -sete escolas, servizos de coach, campings, aloxamentos e negocios surf friendly, así como a celebración do Pantín Classic-, o patrimonio natural e cultural, cunha programación descentralizada nas parroquias. Valdoviño coordínase ademais con outros concellos, como Narón e Cedeira, na promoción do Camiño de peregrinación a Santo André de Teixido, practicable a pé e tramos en bicicleta, e participa doutras iniciativas que poden diversificar actividades e desestacionalizar o turismo como son o proxecto á UNESCO do Xeoparque Cabo Ortegal que valoriza a riqueza xeolóxica de sete municipios da zona.

No caso de ser seleccionado o concello recibirá asesoramento técnico para poñer en marcha estratexias de desenvolvemento territorial e poderá visitar outras experiencias e aldeas intelixentes en similares condicións e que traballen en prol do desenvolvemento turístico sostible.

https://www.paisajetransversal.org/2020/05/convocatoria-Smart-rural-21 resultados-Espana- vaciada-pueblos-inteligentes-estrategias.html

Lea también

Cita este domingo en Valdoviño en la Puerta del Sol con el Feirón mensual

Jóvenes de 4º de la ESO del CPI Atios participan con un puesto de venta …