O Concello de Narón habilita a web informativa “Narón responde”, sobre a Covid-19

Terá diferentes recursos para xestionar respostas ante a crise do coronavirus

O Concello de Narón pon a disposición da veciñanza unha nova ferramenta informativa sobre a Covid-19, “Narón responde”, a través da que se facilitan información e recursos cos que poder xestionar diferentes respostas ante a actual crise do coronavirus. A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, informou que as persoas interesadas en acceder á nova web –con versións en castelán e galego- poden facelo nos enlaces: https://covid19gl-naron.hub.arcgis.com e https://covid19es-naron.hub.arcgis.com. “A páxina dispón de información actualizada sobre a xestión da Covid e os recursos habilitados no Concello e tamén dun apartado aberto á cidadanía a través de enquisas dirixidas a varios colectivos e que, unha vez cumplimentadas, permitirán incrementar a atención á veciñanza e facelo dun xeito máis persoalizado e ofrecendo unha serie de recursos básicos”, explicou Ferreiro.

Na web diferéncianse catro apartados específicos para ofrecer axuda a diferentes colectivos: “Autodiagnóstico Covid. Consellos básicos”; “Precisas axuda?”; “Queres axudar?” e “Eres unha empresa? Faite ver”. A primeira das áreas é específica sobre autodiagnóstico da Covid-19 para detectar os síntomas e saber como actuar tras respostar unha serie de preguntas e indicándolle os pasos a seguir.

No apartado de “Precisas axuda?” ofrécese unha aplicación para solicitar diferentes servizos a través do equipo de Protección Civil, como axuda para a compra de alimentos, medicamentos… sendo preciso cubrir

previamente un cuestionario con datos persoais, información sobre a asistencia e ubicación, etc., para ofrecer unha mellor atención ás veciñas e veciños.

Así mesmo, tamén se contempla un apartado específico, baixo o epígrafe “Queres axudar?” para os casos daquelas empresas ou persoas que poidan colaborar aportando materiais (luvas, gafas e pantallas, xeles alcohólicos…) ou ofrecendo determinados servizos (reparto, reparacións, educativos, entretemento…) para axudar aos colectivos máis vulnerables. No caso das empresas e profesionais autónomos, contémplase tamén a opción “Faite ver”, que permitirá identificar negocios e servizos profesionais activos durante o estado de alarma, no que facilitando os datos da empresa (nome, ubicación, imaxe…) e tamén o sector de actividade (alimentación, farmacias, quioscos, librarías, estacións de servizo…) se informa do modelo de atención establecido para a actual situación.

A web complétase con información actualizada sobre os casos de coronavirus en España e no mundo e tamén dispón dunha ferramenta para localizar os servizos esenciais e as actividades que se dean de alta no rexistro de empresas (farmacias, paradas de bus e taxis, establecementos de alimentación…). A maiores, a nivel local, ofrece información actualizada de todas as iniciativas impulsadas dende o Concello a través das súas canles (páxina web, Facebook e canle de Whatshapp Novas Narón) e recomendacións básicas para a prevención da expansión da Covid-19.

A páxina deseñouse co apoio de Abtemas Taller de Estudos Medioambientais e Sociais, no marco da iniciativa xeovoluntari@s, para ofrecer respostas á cidadanía ante a situación provocada pola crise do coronavirus e tratar de axilizar a resposta ante posibles casos de emerxencia e situacións de vulnerabilidade na nosa cidade”, explicou Ferreiro. A alcaldesa incidiu en que “a medida que a xente colabore cubrindo as enquisas facilitadas teremos a oportunidade de completar os servizos actualmente existentes e poñelos a disposición das nosas veciñas e veciños”, subliñou

Lea también

Narón acoge en el CC Odeón la exposición de Roberto Marín, ‘Una mirada cofrade’

La plaza de Eventos del Centro Comercial Odeón ha inaugurado este viernes 11 la exposición …