O Concello de Ferrol continúa traballando no deseño de actividades para desenvolver no fogar durante o tempo que dure o confinamento co motivo do estado de alarma decretado polo Goberno central o pasado 14 de marzo. Ás propostas diarias que chegan desde a concellería de Cultura, Educación e Deportes, que cada día de luns a venres suxire unha iniciativa cultural diferente e unha sesión de adestramento deportivo online, súmase agora a concellería de Medio Ambiente, que dirixe Ana Lamas.
Desde a Aula de Ecoloxía Urbana, cuxo fin é promover a educación ambiental e inculcar valores relacionados coa conservación, respecto e coidado do medio ambiente, propóñense dúas actividades semanais para realizar no fogar, unha destinada a entreter aos máis pequenos ao tempo que se encontran coa natureza e outra para realizar en familia. Para esta semana xa está dispoñible na web municipal un titorial para crear un divertido león a partir de rolos de cartón de papel hixiénico e outro para realizar abelorios de papel en familia.
Consellos de boas prácticas
Ademais dos titoriais semanais que poderán visualizarse na sección Medio Ambiente do apartado Actividades na casa, que se atopa nos Destacados da páxina principal da web municipal ferrol.gal, o Concello propón tamén para este tempo de confinamento achegarse aos bos hábitos de consumo no fogar. A través de varios capítulos, un á semana, repasaranse os comportamentos que poden axudar a coidar a natureza. A primeira entrega, xa dispoñible, explica o significado dun consumo eficiente de enerxía na casa.
Actividades durante todo o ano
Durante o pasado ano visitaron a Aula de Ecoloxía Urbana, no xardín do Cantón de Molíns, preto de 3.300 persoas. Desenvolve actividades durante todo o ano co fin de achegar á cidadanía a necesidade de coidar o noso entorno e difundir valores medioambientales. Na súa programación anual trátanse asuntos como o uso racional do auga, o consumo responsable, hábitos saudables e a biodiversidade, entre outros asuntos, e faino a través de ciclos de cine, exposicións, obradoiros, roteiros e charlas. Ademais, a aula desenvolve actividades específicas en colaboración con varias entidades, como Aspanaes, o hospital psiquiátrico de Ferrol, o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia e numerosos centros escolares da cidade.