O Concello propón cada día unha actividade cultural e unha sesión de deporte para desenvolver no fogar

O Concello de Ferrol, a través da concellería de Educación, Cultura e Deportes, que dirixe Antonio Golpe, vén de habilitar unha sección na páxina web municipal que desde hoxe mesmo, e con unha periodicidade diaria de luns a venres, publicará unha suxerencia cultural e outra deportiva para desenvolver no fogar con motivo do confinamento decretado polo Goberno central tras o anuncio o pasado 14 de marzo do estado de alarma.

A estas dous propostas, que se actualizarán cada 24 horas, sumarase nos próximas días un terceiro plan que recollerá diversas actividades infantís adaptadas á situación actual de confinamento e orientadas a ocupar o tempo de ocio dos máis pequenos. Esta proposta tamén cambiará cada día.

A través de “Actividades en casa”

A forma de acceder a ditos contidos é sinxelo. Na sección de Destacados, na parte baixa da páxina principal da web municipal ferrol.gal, xa está habilitado un acceso a “Actividades en casa”. Unha vez aí, o cidadán terá tres posibilidades: Deporte, Cultura e Educación.

Sesións de actividade física

O proxecto impulsado polo Concello de Ferrol inclúe en primeiro lugar unha sesión de actividade física para desenvolver no fogar e dirixida a todos os públicos.

Cunha duración de aproximadamente 40 minutos, os monitores ofrecen unha clase a través do canal de Youtube e cada día centrada principalmente nunha parte do corpo. A de hoxe traballa o abdome e a de mañá venres será de cardio. Publicaranse sesións diferentes para cada día da semana de luns a venres.

Mañá, Día Mundial do Teatro na web

Na sección de Cultura, o internauta poderá acceder ao listado de propostas fixas anunciado esta mesma semana e que conta con máis de 40 posibilidades relacionadas coas artes escénicas, a literatura, o cine, a música e o arte, e tamén á proposta diaria. Para o día de hoxe, o Concello invita aos ferroláns a visitar museos online a través das explicacións de Amit Sood, director do Instituto Cultural y Proyecto Artístico de Google, unha plataforma on line para explorar as maiores coleccións de arte.

Mañá, Día Mundial do Teatro, o Concello sumarase a esta celebración cunha recomendación relacionada coas artes escénicas.

O concelleiro de Educación, Cultura e Deportes explica que desde o goberno local se está a realizar un “importante esforzo” para desenvolver este “ambicioso” proxecto co obxectivo de seguir satisfacendo as “inquietudes da cidadanía a través doutros medios, neste caso mediante a vía telemática”. Estamos, dixo, “adaptándonos a esta situación temporal”.

Lea también

Detenido en Canido uno de los principales proveedores de droga a Ferrol, con 3,5 kilos de cocaina

La Policía Nacional detuvo a un hombre en Ferrol como presunto autor de un delito …