Concienciar sobre a necesidade de compatibilizar a protección da píllara e outras aves coa tenencia e disfrute das mascotas na contorna do areal e lagoa da Frouxeira guiou o proxecto educativo impulsado hai tres anos nas aulas de Educación Primaria do CPI Atios en Valdoviño.
Capitaneado pola profesora María Ruán, nenas e nenos centráronse durante o
primeiro ano en coñecer o valor da preservación destas especies e, ao seguinte,
convertíronse en ilustradores para deseñar debuxos que invitan a sumarse a esa
protección.
Na mañá deste venres daban un paso adiante nese proxecto da man do Concello
de Valdoviño e da Deputación provincial da Coruña. Martelo en man, os
estudantes encargábanse de instalar unha serie de paneis informativos con eses
debuxos elaborados nas aulas. Permanecerán aí, na entrada á lagoa, durante un
tempo para concienciar á veciñanza e, posteriormente, pasarán a decorar o
inmoble contiguo, a modo de exposición permanente.
O alcalde, Alberto González, explicaba que, tras coñecer o proxecto realizado polo
cole, o Concello apostou por sumarse ao mesmo propoñendo a creación dos paneis, xa que a concienciación a través da educación é clave.
Así mesmo, esta acción acompañouse dun paseo guiado polo entorno a cargo de
Carla Soaje e Daniel Monteagudo, da empresa ECOTONO. Foron eles os
encargados de explicar aos estudantes de 1o e 3o de Primaria, xunto aos seus
mestres Alba López, Guillermo Gómez, María Ruán e Amalia Fontes, a riqueza medio ambiental da lagoa e praia da Frouxeira. Tamén de profundizar nese
respecto pola súa flora e fauna e, nomeadamente, de protexer a especies únicas
como a píllara. Un paseo acompañado da observación directa do medio a través
de prismáticos e telescopios.