O Concello de Ferrol, a través da súa Sociedade Mixta de Turismo, participará un ano máis en Sicted, un proxecto nacional que busca mellorar a calidade turística dos destinos participantes a través da formación e asesoramento a empresas e servizos en máis de 30 categorías: hoteis, restaurantes, cafeterías, museos, taxis, axencias de viaxes, comercios, empresas de turismo activo o establecementos rurais, entre outros.
A edición deste ano comezará en marzo e o Concello busca incorporar cinco novas entidades ás 32 que xa forman parte desta iniciativa. Xa hai unha confirmada, o hotel Real, e as empresas interesadas en ocupar as outras catro prazas poden formalizar a súa inscrición ata o 13 de marzo a través do mail mlopezturismo@ferrol.es. Na pasada edición incorporáronse dúas novas firmas.
Este ano será a consultora turística galega Avivae a encargada de implantar a metodoloxía Sicted. É unha iniciativa deseñada pola Secretaría de Estado de Turismo (Turespaña) co apoio da Federación Española de Municipios e Provincias (Femp) que busca instaurar un nivel de calidade homoxéneo nos servizos prestados ao visitante dentro dun mesmo destino. Ofrece manuais de boas prácticas para cada sector e asesoría individualizada.
Nesta plataforma os sectores público e privado traballan conxuntamente para ofrecer ao visitante unha oferta turística de calidade e mellorar a imaxe do destino. Os integrantes no programa mostran o distintivo de Sictel.
Ferrol incorporouse no ano 2012 e na actualidade hai 199 destinos en toda España, dos que 10 son galegos.
Acto de entrega a final de ano
O proxecto está financiado pola Sociedade Mixta de Turismo de Ferrol en colaboración coa Deputación da Coruña. Entre as accións que levará a cabo Avivae para implantar a metodoloxía Sicted entre os meses de marzo e xuño atópanse cursos de formación colectiva e asesoramento, visitas individualizadas ás empresas participantes para aclarar dúbidas sobre o proxecto e apoio na posta en marcha dun plan de mellora. Tamén avaliaranse ás empresas para comprobar si cumpren os requisitos estipulados no manual de boas prácticas para obter o distintivo.
O curso rematará coa celebración da Mesa de Calidade Turística de Ferrol para expoñer os resultados do proxecto e analizar as propostas de mellora. As distincións desta edición entregaranse nun acto público no último trimestre do ano que terá lugar no pazo municipal.