O alcalde, Alberto González, anunciou na mañá deste martes que o Concello ten a intención de ampliar ás escolas unitarias o programa «Concilia mañás!», un servizo de conciliación da vida laboral e familiar e almorzos que xa comezou este mes nas instalacións do CPI Atios de luns a venres de 8 a 9,30 horas. Ese mesmo horario é o previsto para as escolas unitarias de Lago, Taraza e Vilarrube.
Coa vista posta en comezar no mes de marzo, as persoas interesadas poden formalizar a inscrición no departamento municipal de Servizos Sociais (planta baixa da casa consistorial) e teñen á súa disposición o teléfono 981 48 70 41 extensión 5.
O custe do servizo será de 30 euros ao mes, cun desconto do 20% por irmáns/ás.
Terán preferencia as persoas de Valdoviño e familias con actividade laboral. Así
mesmo, para a posta en marcha do programa precísase reunir un mínimo de 3
nenas/os.
A idea é ofrecer un espazo de calma para iniciar o día con tranquilidade e desfrute
dos sentidos: almorzo saudable, conversas, contos, música…