A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, desprazouse na mañá deste mércores á Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela para recoller o accésit da undécima edición dos Premios San Telmo 2019 outorgado polo Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos de Galicia ao Concello de Narón pola obra dos interceptores xerais da marxe dereita da ría de Ferrol, en recoñecemento polo labor da citada administración local como promotora desta actuación. A rexedora local estivo acompañada no acto polo edil de Servizos, Iban Santalla.
O xurado que valorou os proxectos presentados aos Premios San Telmo 2019 valorou no caso de Narón as melloras medioambientais e a sostibilidade dos seus plantexamentos. A obra dos interceptores xerais da marxe dereita da ría de Ferrol permitiu mellorar a calidade das augas, posibilitando o baño en varios arenais da comarca e a práctica do marisqueo en condicións óptimas, tal e como se indicou dende a organización. A entidade Aguas de las Cuencas de España (Acuaes), dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica, impulsou este proxecto dividido en tres tramos: A Malata-A Gándara; A Gándara-O Cadaval e O Cadaval-Neda, que supuxeron un investimento que rondou os 55 millóns de euros cofinanciados polo Goberno central, o Fondo Feder da UE, a Xunta de Galicia e os concellos de Narón e Ferrol.
O Premio San Telmo 2019 recaeu no proxecto da depuradora de augas residuais de Vigo, como Mellor Obra de Enxeñería Civil de Galicia, mentres que os outros dous accésit foron para os proxectos de “Conversión en autovía do corredor CG-4-1”, impulsado pola Axencia Galega de Infraestruturas a través da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, e o de “Ampliación da capacidade da AP-9 no tramo: enlace de Cangas-Enlace de Teis, incluído na ponte de Rande”, de Autopistas del Atlántico S.A-Grupo Itinere. Optaron aos premios proxectos rematados entre o 1 de xaneiro de 2017 e o 30 de decembro de 2019