O alcalde de Ferrol, Ángel Mato, presidiu na mañá deste martes a ofrenda floral a Alejandro Porto Leis, rexedor republicano de Serantes asasinado en 1938. Estivo acompañado polo concelleiro de Cultura e Educación, Antonio Golpe, e representantes dos grupos municipais da oposición e de familiares de Porto Leis. O acto tivo lugar xunto ao monolito na súa memoria e na de Avelino Landeira, Jesús Miño e Modesto del Río, os 3 compañeiros que lle axudaban a ocultarse durante dous anos ata que foi denunciado. Os catro foron fusilados sen xuízo previo.
Mato lembrou que hai 82 anos foron asasinados na praia da Frouxeira “un electricista de Bazán, dous labradores e un carpinteiro”. O primeiro, dixo, polas súas conviccións republicanas, “que defendeu dende a alcaldía de Serantes en dous mandatos”. Os demais, “por axudarlle durante case dous anos a agocharse de quen quería acabar coa súa vida”.
O rexedor dixo que Porto Leis foi un de tantos homes que “pagaron o máis alto prezo por soñar unha España que non puido ser”. Morreu, engadiu, “vendo como o seu país entraba na escuridade e seguramente non adiviñou que hoxe seríamos de novo libres para honralo e para renovar esta humilde mostra de gratitude do Concello de Ferrol e das asociacións Memoria Histórica Democrática e Fuco Buxán”.
O alcalde rematou recoñecendo que para los que “consideramos irrenunciables os ideais de liberdade e progreso é un exemplo” e lembrou as palabras recollidas na biografía escrita por Paulino Gasalla hai poucos anos sobre Porto Leis, un “alcalde para o pobo”.