A alcaldesa da cidade e presidenta do Padroado da Cultura, Marián Ferreiro, e o concelleiro de Cultura, Guillermo Sánchez Fojo, presentaron o programa de Entroido, que se desenvolverá o día 22 deste mes. Como é tradicional nesta festividade, as comparsas protagonizarán a xornada e aquelas interesadas en participar no festival que se celebrará ese día baixo unha gran carpa na pista polideportiva da Solaina poden anotarse a partir do vindeiro luns, día 10, no Pazo da Cultura –de 9.00 a 14.00 horas- ata o 14 de febreiro, tal e como avanzou Ferreiro.
A alcaldesa indicou que poderán inscribirse un máximo de sete comparsas de Narón e tres doutros concellos, debendo presentar unha copia das letras a interpretar e os datos persoais do representante de cada unha delas. As comparsas seleccionaranse, ao igual que en anos anteriores, por rigorosa orde de inscrición e realizarán un percorrido a pé dende a Praza da Gándara ata a pista polideportiva da Solaina. Concentraranse na citada praza ás 17.00 horas o sábado 22 e ás 17.15 horas iniciarase o percorrido cara á Solaina, pasando polas rúas Vigo, Wenceslao Fernández Flórez, as estradas da Trincheira e da Gándara e as avenidas de Santa Icía e A Solaina. A chegada á pista polideportiva da Solaina está prevista para iniciar ás 18.00 horas o festival, durante o que haberá un concurso de disfraces con premios para os mellores individual, de parellas e de grupo. Inventi Teatro encargarase de presentar o evento, no que actuará a banda musical Los Mecánicos.
Ferreiro explicou que “as letras dos temas que interpretarán as comparsas deben falar obrigatoriamente de temas locais do Concello de Narón e empregar o idioma galego”. Así se recolle nas bases da convocatoria, donde se especifica ademáis que cada unha debe ter un mínimo de quince persoas e, na maioría, de máis de 14 anos. As actuacións de cada comparsa non superarán os dez minutos e todas as participantes que sexan de Narón deben facer unha actuación na súa parroquia e noutra da cidade, no caso de ser posible realizando un percorrido pola mesma. O Padroado da Cultura asignará unha achega económica ás comparsas que participen no Entroido de Narón, que será de 800 euros para as da cidade –como mínimo o 75% dos integrantes deben residir en Narón- e que poderá incrementarse en 100 euros máis se participan no programa de dinamización hostaleira e do comercio locais; 400 para as de fóra de Narón e tamén 400 euros para as convidadas –reservándose o Padroado o dereito a facelo para os actos do día 22-.
En canto aos premios, a alcaldesa indicou que se entregarán tres para as comparsas, que consistirán nunha figura en recordo do Día do Entroido. O xurado encargado de valorar as actuacións –unha persoa proposta por cada comparsa e outra do Padroado da Cultura- puntuará a orixinalidade dos seus disfraces, o enxeño na crítica feita na actuación, a calidade musical e o que cada unha das actuacións supoña de recuperación do Entroido en Galicia.
Así mesmo, Ferreiro avanzou que se premiarán os mellores disfraces individuais, de parellas e de grupos, debendo anotarse o propio sábado 22 na pista polideportiva da Solaina as persoas interesadas en participar. Neste caso os agasallos para adultos consistirán, tal e como indicou, en cestas con produtos de Nadal, e as dos menores en libros e entradas para algún espectáculo do Pazo da Cultura.
“Convidamos ás veciñas e veciños da cidade a desfrutar do Entroido na nosa cidade, por iso hai xa uns anos decidimos organizar un percorrido das comparsas pola cidade e trasladar este evento á rúa, para darlle máis visibilidade e que todas e todos poidamos gozar desta festividade”, asegurou a alcaldesa.