Ferrol presentouse a primeira hora na Feira Internacional de Turismo de Madrid (Fitur) como “Todo o que unha cidade quere ser”. Ese é o lema do audiovisual que o alcalde, Ángel Mato, e a concelleira de Turismo, María Teresa Deus, avanzaron nunha presentación aos medios de comunicación o pasado martes no pazo municipal. Foi o rexedor o encargado de introducir o vídeo no que a actriz ferrolá Desiré Pillado encarna á cidade ante unha sucesión de imaxes que recollen toda a riqueza cultural que Ferrol posúe.
Mato asegurou que Ferrol ten a capacidade de “colmar as expectativas de calqueira viaxeiro” e destacou o seu carácter “marcado polo mar, pola construción naval e a Armada”, ademais do urbanismo herdado da Ilustración e a diversidade do seu patrimonio arquitectónico, con edificios “emblemáticos” en toda Galicia como o Teatro Jofre ou a Pescadería de Rodolfo Ucha. Enumerou tamén construccións coma os baluartes, o cuartel de Dolores ou as baterías de costa que dominan os montes próximos á costa. Por suposto, destacou a “inesquecible” estampa da entrada á ría entre os castelos da Palma e San Felipe, os museos Naval e da Construción Naval (“un dos máis relevantes de Europa”) e o de Historia Natural, con pezas de toda Galicia.
O alcalde repasou o amplo calendario de celebracións, coa Semana Santa, “que mañá se presenta nesta feira”, lembrou, as festas de verán e as Meninas, un festival que xa ten trascendido fronteiras. Pechou a súa intervención reclamando a importancia do inicio ferrolán do Camiño Inglés, que o próximo ano agarda un gran incremento de peregrinos con motivo do Ano Santo.
Proxecto europeo
A concelleira de Turismo insistiu na importancia do patrimonio marítimo para Ferrol e, nese senso explicou as iniciativas que o proxecto europeo MMIAH, liderado pola cidade, está a levar a cabo en colaboración con destinos atlánticos como Cádiz, Plymouth, Liverpool, Ílhavo, Cork, Limerick, Caen ou La Rochelle. Trátase dun proxecto que, ademais, porá en valor Ferrol para que consiga entrar na categoría de patrimonio da Unesco e que contribuirá a un crecemento “intelixente, sostible e integrador”. Tamén creará un produto turístico común, denominado Atlantic Adventures Collection que servirá para xerar riquezan dende a recuperación e a promoción do patrimonio. O segundo vídeo da presentación recolleu o decálogo que guía esta iniciativa enmarcada no Interreg.
O programa pechouse coa proxección dun terceiro audiovisual, con chamativas imaxes sobre Ferrol Log, un evento dedicado ao surf que comezou no 2019 e este ano terá continuidade. Presentouno Pablo Solloso, un dos promotores deste encontro, que traballa na liña de promover a costa de Ferrol e os seus 12 quilómetros de praias como un espazo case que único a nivel mundial para a práctica dun deporte con longa tradición na cidade. Solloso explicou que a intención de Ferrol Log é atraer a destacados surfistas de todo o mundo para que se encarguen de difundir o potencial de lugares como Doniños ou Esmelle, cousa que xa está a conseguir. E todo isto, dentro dunha paisaxe natural moi ben preservada e afastada da masificación.