O pleno de Ferrol acordou o pasado mes de novembro a creación do primeiro Consello Sectorial de Benestar Social da cidade e a súa composición provisional, que estará integrada polo alcalde, Ángel Mato, como presidente, e a concelleira de Benestar Social, Eva Martínez Montero, como vicepresidenta. Ademais, haberá un representante por cada un dos partidos políticos con representación no pleno e membros de entidades cidadás inscritas no Rexistro Municipal relacionadas co sector ou co interese na materia. Mañá xoves ábrese o prazo de 15 días hábiles para presentar as solicitudes para formar parte do Consello.
Neste espazo tamén terán representación entidades, plataformas e cooperativas do terceiro sector e cidadáns a título individual, maiores de 16 anos, que manifesten interese na materia do Consello. Tamén formarán parte persoal municipal. Trátase dun Consello con carácter provisional mentres non se elabore o regulamento que rexerá o novo organismo e que deberá aprobar o pleno.
Deste modo, o Concello sacaría adiante e por primeira vez en Ferrol un Consello Sectorial de Benestar Social, un órgano para a promoción das políticas sociais municipais da cidade e das asociacións relacionadas co benestar social.
A finalidade deste novo órgano é potenciar o benestar social e mellorar a calidade de vida dos colectivos en situación de vulnerabilidade, risco de exclusión ou exclusión social da cidade de Ferrol mediante a participación activa de representantes das institucións e das súas asociacións nos asuntos municipais do seu interese.