A corporación naronesa comprométese a respaldar as reivindicacións do Comité de Navantia para demandar carga de traballo

A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, e representantes de todos os grupos políticos da corporación local –TEGA, PSOE, PP e BNG- reuníronse na mañá deste luns con membros do Comité de Empresa de Navantia e sumáronse ás reivindicacións do colectivo, que solicita a construción dun novo buque AOR para a Armada Española para paliar o período de inactividade previsto no asteleiro da ría entre xullo de 2020 e xaneiro de 2022, cando se prevé o inicio da construción das F-110.

Ferreiro e o resto de representantes dos grupos da corporación amosaron o seu apoio ás peticións do colectivo e comprometéronse a acompañalos nas reunións que manterán tanto na Xunta de Galicia como no Parlamento para abordar esta situación.

Así mesmo, dende o Concello de Narón colaborarase co colectivo na campaña de recollida de sinaturas que se mantén ata o día 15 de xaneiro –para poder presentalas nas citadas xuntanzas- e solicitarase a colaboración do movemento asociativo de Narón para que respalde tamén esa campaña, así como outras entidades ou persoas que queiran facelo a título particular.

Os representantes do Comité de Empresa de Navantia destacan o papel da empresa –e das compañías auxiliares- na xeración de riqueza, emprego e benestar social, “do que se benefician todos os sectores: comercial, industrial, servizos e, en definitiva, toda a economía da zona”, tal e como aseguran. Na actualidade, explicaron, están en nova construción dous buques AOR donde traballa persoal de Navantia e uns 1.300 operarios da industria auxiliar. A finais de xaneiro do vindeiro ano entregarase o primeiro destes buques e en xullo de 2020 o segundo, co que dende ese último mes ata que se inicien as F-110 (dous anos) non se prevé actividade no estaleiro.

Por estas razóns, dende o Comité de Empresa solicitan a construción dun novo AAOR para a Armada Española, que aportaría carga de traballo para 32 meses “suplindo deste xeito o período de inactividade previsto para o centro de Ferrol”. Dende o colectivo aseguran que a construción podería realizarse de xeito inmediato porque a enxeñaría xa está feita e daríase continuidade ao resto de traballos precisos para o citado buque.

A alcaldesa comprometeu o apoio do Concello naronés nas reivindicacións plantexadas, ao igual que fixeron o resto de representantes da corporación local.

Lea también

Odeón acoge el XXXIII Torneo Universitario Lóstrego de ajedrez

La Plaza de Eventos del Centro Comercial Odeón será el escenario elegido un año más …