(Xosé Ferreiro) O Esteo pontés de fútbol sala escalou este sábado á terceira praza tras vencer a un rival directo coma o Leis Pontevedra, que chegara á xogar na Primeira División, por un sufrido 2-1.
Ao descanso marchouse con 1-0, tras un golazo de Héctor pola escadra mediado o período, pero ao pouco da reanudación empataban os pontevedreses cun bo tanto de Cley axustado ao pau.
Foi Troncho faltando sete minutos o que anotaba o 2-1 definitivo que outorgaba os tres puntos aos locais, tras unha boa xogada de equipo e gran pase de Cokito.
Pero este segundo período foi moi trepidante, con dous postes visitantes, dous balóns salvados baixo paus dos locais, asi como alguna que outra ocasión local a porta baleira recuperando o balón co cinco para catro visitante.
O Esteo é terceiro con 26 puntos, os mesmos que ten o segundo Albense. Próxima visita ao complicado Universidade de Valladolid, sexto. Entremedias recibirá, sen Matos que sofriu unha dura entrada, nun partido histórico, ao Burela, na Copa do Rei.
O Esteo: Javichu, Héctor, Matos, Jacobo, Noé – Cokito, Jhony, Troncho, Rober.
Leis Pontevedra: Marco, Nico, Jhony, Cley, Arroyo – Toño, Bárcala, Sancho, Berto, Sani, Saúl.
Goles: 1-0, Héctor (10´). 1-1, Cley (22´), 2-1, Troncho (33´).
Tarxetas: Amarelas a Javichu, Rober, Cley, Arroyo.
Incidencias: Pavillón Municipal de A Fraga. Uns 150 espectadores.