O alcalde ponse a disposición da Xunta e da Universidade para axilizar o Centro de Investigación en Industria Intelixente

Ángel Mato -Arch.- Adán Puentes

O alcalde de Ferrol, Ángel Mato, ofreceu esta mañá a súa total colaboración á Xunta de Galicia e á Universidade para que o Campus ferrolán dispoña dun Centro de Investigación de Industria Intelixente. Despois de que a Administración autonómica anunciara onte o incremento das partidas para I+D+i recollidas no convenio coa UDC, o rexedor puxo a disposición de ambas “todos os medios municipais para poder axilizar esta inversión”. Segundo aprobou o Consello da Xunta, boa parte dese incremento, próximo ao millón de euros, será destinado á mellora de instalacións, a equipamento científico e tecnolóxico e á renovación tecnolóxica, o que para a Universidade, segundo fixo público hoxe, supón “un espaldarazo ao proxecto do novo Centro de Investigación en Industria Intelixente para o Campus de Ferrol”. Mato coincidiu nesa idea e manifestou que é o momento de darlle o impulso que necesita.

A UDC ten entre os seus plans ampliar o Campus coa construcción dun edificio no encontro das avenidas de Vigo e de Esteiro, onde situará, entre outras dependencias, o novo centro de investigación. Está previsto que nos próximos meses se convoque o concurso deste proxecto. Para o alcalde, trátase dunha infraestructura que se converterá nun “elemento básico para o desenvolvemento da cidade”, polo que asegurou que colaborará en todo aquelo que sexa necesario para conseguir a súa materialización “coa maior celeridade posible”.

O rexedor insistiu no relevante papel que a Universidade ten no desenvolvemento económico da cidade e de Ferrolterra e en que o Campus debe ser, “aínda máis do que xa o é, un polo de atracción do talento”. “Queremos seguir apostando pola Universidade e cremos que neste momento é importante facelo contribuíndo a que o Centro de Investigación en Industria Intelixente se leve a cabo”, dixo, e lembrou que, “como en todos os asuntos importantes para a cidade”, o goberno local poñerá da súa parte “todo canto estea na súa man”.

Lea también

En octubre empezarán las obras de ‘Abrir Ferrol ao mar’ en la zona del Arsenal, Ferrol Vello y A Magdalena

El inicio de las obras de la fase I del proyecto ‘Abrir Ferrol ao mar’ …