En Narón, un total de 240 persoas participaron nunha nova andaina do programa municipal “Ponte en ruta con nós”

O programa municipal “Ponte en ruta con nós” retomouse na mañá deste domingo, na que é a súa quinta edición, cunha andaina circular por Narón, duns doce quilómetros. Un total de 240 persoas participaron nesta camiñata, que partiu sobre as 9.15 horas das inmediacións do pavillón polideportivo da Gándara e cun traxecto pola zona do mosteiro do Couto, o muíño das Aceñas e o paseo marítimo de Xuvia.

Seguinte andaina o día 24 de novembro

A seguinte convocatoria deste programa terá lugar o vindeiro 24 de novembro, cun percorrido tamén circular, nesa ocasión entre a Pena Molexa e o Monte da Lagoa, na parroquia naronesa do Val. O concelleiro de Deportes, José Oreona, animou ás persoas que desexen asistir a anotarse, a partir do vindeiro 10 de novembro e ata esgotar prazas, establecéndose como data límite o mércores anterior á celebración da andaina, o día 20 de novembro.

A quinta edición do programa “Ponte en ruta con nós” contempla un total de oito andainas –incluída a celebrada este domingo- ata o vindeiro mes de xuño, unha por mes excepto en decembro. As persoas que participen nesta iniciativa municipal, moi consolidada na cidade e comarca, terán a oportunidade de coñecer o entorno natural e patrimonial de Narón e tamén doutros concellos da zona. Estas andainas teñen entre os seus obxectivos, tal e como recordou Oreona, “promocionar o exercicio ao aire libre a través de rutas con diferentes graos de dificultade e nas que pode participar xente de tódalas idades, se ben os menores deben ir acompañados dunha persoa adulta”.

No momento de inscribirse é preciso aboar unha cuota de tres euros, unha contía coa que se pagan os desprazamentos en autobús dende o punto de inicio da ruta e tamén de regreso ao punto de encontro establecido á hora de rematar o percorrido. As inscricións poden realizarse de luns a xoves, entre as 9.30 e as 13.00 e de 16.30 a 18.30 e os venres de 9.00 a 13.00 horas nas oficinas do pavillón podelideportivo da Gándara.

Para máis información sobre o programa e as saídas que se levarán a cabo nos vindeiros meses pódense consultar as páxinas web: www.naron.es e www.padroadodeportesnaron.com

Lea también

O Pazo da Cultura acolle a “XXXV Gala do Deporte de Narón”

O Pazo da Cultura de Narón acolle este venres 22 unha nova edición, a trixésimo …