O Concello de Ferrol daralle continuidade en breve á numeración das vivendas das parroquias do rural e ao rueiro tras rematar na Cabana. Nesta ocasión será en Covas. O proxecto desenvolverase a través do Centro de Recursos Informáticos (CRI), que forma parte da área de goberno do concelleiro Julián Reina, cun traballo de campo que o persoal desde departamento fará na propia parroquia. Isto servirá para a elaboración de planos electrónicos que despois se lle facilitarán á asociación de veciños para que os residentes na zona poidan achegar as súas suxestións. Tamén terán a oportunidade de reunirse co alcalde e co propio edil.
Tras a análise destas contribucións e de que se aporten futuros nomes para as rúas, haberá un período de exposición do proxecto tanto no local da entidade veciñal como na páxina web do Concello, ao tempo que se lles comunicarán os resultados aos veciños. Concluído este prazo, os residentes participarán nunha asemblea cos membros do CRI e dela sairá unha documentación final que se volverá expoñer na sede da asociación.
Para darlles o nome definitivo ás rúas será necesario que o novo rueiro se someta á aprobación do pleno da corporación municipal, e posteriormente comunicarlle ao Instituto Nacional de Estatística os cambios no padrón das rúas e no empadronamento das persoas.
O concelleiro Julián Reina mostrouse convencido de que os responsables deste proxecto levarán a cabo “un traballo tan bo como o que se desenvolveu na Cabana”, xa que, asegurou, o Concello de Ferrol “conta co mellor CRI municipal de toda Galicia”.