O próximo domingo, 20 de outubro, remata o prazo para votar pola recuperación e restauración do dique de A Cabana, un dos tres proxectos finalistas na categoría “Diversificación” da II edición dos Premios de Economía Azul outorgados pola Consellería do Mar da Xunta. O Concello de Ferrol, a través da concelleira de Patrimonio e Turismo, María Teresa Deus, anima á poboación a mostrar o seu apoio a esta actuación.
Trátase dun proxecto que ten un alto valor patrimonial e cultural, como recolle o departamento autonómico, que estivo ligado nos seus orixes, e en boa parte da súa existencia, á actividade de estaleiro e carpintería de ribeira. As obras de restauración, impulsadas polo Concello ferrolán, remataron este ano tras dous anos de traballo e consistiron na creación dun espazo de interpretación das actividades e as tradicións mariñeiras que permitirá potenciar o seu coñecemento e concienciar á sociedade da importancia das actividades relacionadas co mar.
O proxecto tivo un custe total de 217.390 euros e compite na súa mesma categoría coa apertura dunha peixaría turística na localidade de Mallou (Carnota-A Coruña) e coa Posta en valor das salinas romanas do Seixal e Camposancos como recurso patrimonial e turístico (A Guarda-Pontevedra).
Os premios contan con cinco categorías: apoio á pesca costeira artesanal, creación de emprego, diversificación, innovación local e economía circular. Cada persoa poderá votar só a un dos proxectos de cada categoría. O obxectivo é recoñecer os proxectos máis destacados dos que levan a cabo os Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP). Ata o próximo 20 do outubro pódese votar na páxina https://galp.xunta.gal/candidatos-aos-ii-premios-economia-azul.