O alcalde de Ferrol, Ángel Mato, asegurou esta mañá que os informes necesarios para o cambio de usos e a cesión dos terreos para a bresidencia de maiores do Bertón están xa listos e que o procedemento non sufrirá ningunha demora. Lembrou tamén que durante o último mes véñense negociando coa Consellería de Política Social os termos do convenio que posibilitará a construcción desta infraestructura que sufragará, segundo anunciou a propia consellería, a Fundación Amancio Ortega, e que terá unha capacidade de 120 prazas.
O rexedor dixo que foi a iniciativa do goberno local a que posibilitou que a día de hoxe xa estea absolutamente definida a parcela na que se situará, nun lugar moito máis céntrico que o proxecto anterior, que pretendía usar uns terreos emprazados na zona do Boial. Explicou, así mesmo, que o Concello sempre tratou de axilizar “o máximo posible” os trámites, de modo que o borrador de convenio que remitiu a Xunta hai unhas semanas xa ten listas as correccións pertinentes para adaptalo á normativa. De feito, asegurou Mato, o cambio de uso dos terreos podería levarse á vindeira sesión ordinaria do pleno municipal.