Derrota pola mínima do CD As Pontes ante o CD Choco

O CD As Pontes apoiando os traballadores de Endesa antes de xogar co Choco | Xosé Ferreiro

(Xosé Ferreiro) O As Pontes perdeu por terceira xornada consecutiva pola mínima na casa, e aínda non sabe o que é puntuar no seu campo do Poboado, o único conxunto da categoría. 49 anos despois gana o Choco en terras pontesas.

No encontro deste domingo, o líder Choco foi moi superior no primeiro período, e xa se puideron adiantar tras un mal pase de Gonzalo, que acaba rematando Monchito e salva Berto tirándose polo chan (8´), e pouco despois, nunha internada, remata Adrián, o balón toca en Sánchez e vaise fora por pouco (9´).

Nun pase en profundidade queda so Adrián e salva Paco (17´). Sacudiuse un pouco a presión o equipo local e Carlos remata preto do escuadro (24´), e despois pelexa un balón Cambón a Cortegoso, e no rexeite, primeiro Dani e logo o propio xogador herculino rematan, pero salva o gardamallas dos redondeláns (32´).

Pero no último tramo deste primeiro acto voltou a dominar o cadro pontevedrés. Paco despexa un disparo de Félix dentro da área (36´), pero non pode facer nada nunha contra na que Yeray centra dende banda dereita e na área pequena remata a pracer Adrián (39´). E antes do descanso, balón morto que lle cae a Diego, que dispara moi alto (44´).

O reinicio continuou coa mesma tónica, e nunha xogada na que interviron os tres homes de ataque dos visitantes, o balón milagreiramente non entrou por dúas grandes paradas de Paco, e outra intervención de Berto baixo paus (49´). O lateral, un dos mellores, a pesar de ser xuvenil hai poucas semanas.

Pero tanto foi o cántaro á fonte que noutro pase en profundidade queda só Adrián e a Paco non lle queda máis remedio que facer penalti, que anota Félix (53´). Incluso nun balón que perde Alex, dispara Yeray, e volve a sacar Berto baixo paus aínda que semellaba que a bola ía fora por pouco (60´).

Pero cando parecía que todo estaba perdido, fútbol é fútbol, que dícía o famoso adestrador serbio, e nunha xogada na que Carlos regatea a Cortegoso, remata, saca Yago baixo paus, e entra o segundo remate axustado ao segundo pau (61´). Por si fora pouco, o propio dianteiro de Ares cabeceou á madeira unha falta botada por Gonzalo na xogada posterior (63´).

Pero pouco dura a ledicia na casa do pobre e noutra xogada na que os de Redondela voltaron a amosar o seu potencial, centro de Caloi dende banda dereita, recolle o balón dentro da área só Yeray e marca por alto ben colocado ante o que Paco nada puido facer (68´).

E puideron sentenciar os vermellos nunha cabalgada de Mario, que lle cede a Yeray, que so ante Paco remata a rentes do pau (78´). Os locais respostaron cun remate a bocaxarro de Pardo que despexa Cortegoso (84´), e outra vez, cando parecía perdido, nunha segunda xogada, colga Gonzalo, peitea o balón Caridad, e empala Carlos ao fondo da rede (85´), logrando o seu sexto gol e o pichichi momentáneo.

Nos últimos instantes aínda se aproximou á area o equipo azul por dúas ocasións, pero tanto Caridad (90´) como Carlos (91´), remataron por alto. O equipo segue cos mesmos catro puntos, cun mal panorama coa visita ao segundo clasificado Ourense na vindeira xornada.

Preocupante situación dun equipo que hai uns meses era campión e máximo goleador e agora colista e, a pesar de Paco, segundo máximo goleado, so mellor que o Bouzas. Terceira vitoria redondelá no Poboado, por nove locais e un empate.

CD As Pontes. Paco, Berto (David Pajaro 79´), Alex, Rivas, Sánchez (Caridad 56´), Dani, Quique (Fidi 56´), Gonzalo, Carlos, Cambón, Pardo.

CD Choco. Cortegoso, Mario (Martín 80´), Diego, Yago, Vitra, Suárez, Yerai, Caloi (Tomás 72´), Adrián, Félix, Monchito (Santos 62´).

Goles. 0-1, Adrián (39´). 0-2, Felix, de penalti (53´), 1-2, Carlos (61´), 1-3, Yeray (68´), 2-3, Carlos (85´).

Árbitro. Gustavo Vidal Fonseca. Auxiliado por Fernández Fernández e Enríquez Pereiro. Amarelas a Paco, Rivas, Gonzalo, Fidi, Mario, Suárez e Yeray.

Incidencias. Campo de O Poboado. Uns 150 espectadores.

Lea también

Un partido homenaje conmemora el 50 aniversario del fútbol sala en Ferrol

El concejal de Deportes, Ricardo Aldrey, presentó en el Ayuntamiento de Ferrol el primer acto …