Os traballos para recuperar a área litoral próxima ao cámping de Covas mellorarán o acceso á praia da Fragata

Ángel Mato visitando Covas | Concello de Ferrol

O Ministerio para a Transición Ecolóxica está a acometer unha serie de traballos na franxa litoral próxima ao cámping de Covas coa intención de recuperar este espazo, crear unha zona de protección ante posibles incendios e mellorar a accesibilidade aos areais. Trátase dunha actuación similar a outras que se están a desenvolver no norte da provincia e que contan cun presuposto aproximado de 150.000 euros.

Visitaron o lugar o alcalde de Ferrol, Ángel Mato, e o xefe da Demarcación de Costas na Coruña, Rafael Eimil. Ambos explicaron que as árbores que se están a cortar nesta ampla área de titularidade pública (a maioría, piñeiros) vanse aproveitar para levantar valados ecolóxicos, do mesmo xeito que xa se ten feito en outros puntos. Tamén que a tala servirá para cumprir coa normativa autonómica respecto da distancia de seguridade a zonas habitadas, xa que onde ata agora medraba vexetación altamente inflamable, haberá desde este momento unha franxa de seguridade que atenuará os riscos para persoas en bens en caso de incendio forestal.

Retirada de especies exóticas

O alcalde mostrou a súa satisfacción porque esta rexeneración desta zona de duna “vai xerar un espazo máis agradable e unha perspectiva moi distinta do acceso á praia da Fragata”. Dixo, así mesmo, que os traballos servirán para crear un sendeiro que facilite o acceso a este areal desde o aparcamento público que se atopa ao outro lado da estrada, de modo que durante o verán non se poida acceder só a praia de Esmelle.

Pola súa banda, o responsable de Costas destacou a importancia de que, por riba destes beneficios, os traballos cumpren coa obriga de recuperar medioambientalmente e de protexer un hábitat natural. De feito, ademais de cortar as especies potencialmente perigosas en caso de incendio, tamén se retirarán as plantas exóticas que abundan nesta zona de dominio marítimo-terrestre, sobre todo a coñecida como herba da Pampa.

Lea también

El martes inauguración del «Rastrillo» de la A. Nuestra Señora del Carmen

La asociación “Nuestra Señora del Carmen” de Ferrol celebrará desde el martes 26 de noviembre, …