A alcaldesa de Narón asinou os convenios de cesión de 70 ordenadores a 7 asociacións da zona rural

A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, asinou na mañá os convenios con representantes de entidades veciñais da zona rural de Narón para a cesión de ordenadores portátiles. Na convocatoria estivo tamén presente a concelleira de Novas Tecnoloxías, Natalia Hermida. Un total de sete asociacións de veciños recibirán setenta ordenadores –dez cada unha delas- para os seus locais: a Agrupación Veciñal de San Mateo, a AVV Os Irmandiños, do Val, a AVV Ceibe de San Xiao, a AVV Rosa dos Ventos, de Sedes, a AVV A Naveira, de Doso, a AVV Os Cruceiros, de Castro e a Sociedade Cultural e Recreativa A Pombiña, de Pedroso. O convenio terá unha vixencia de catro, anos, prorrogables, e suporá a continuidade do asinado anteriormente.

Os representantes das entidades entregaron no Concello os equipos vellos –que se lles cederon nese convenio anterior- e recibiron os novos ordenadores.

A través destes acordos, tal e como indicou a alcaldesa, constátase “a colaboración do Concello coas entidades da nosa cidade, ás que tratamos de facilitar na medida do posible o desenvolvemento de actividades nas súas parroquias dirixidos á veciñanza”. A través da cesión dos equipos continuarán operativas as aulas de informática dos citados locais sociais, cuns horarios que se establecerán en función da apertura destes últimos.

Ferreiro agradeceu durante o acto da sinatura “o gran labor que desenvolvedes as entidades veciñais do noso concello, neste caso particular as da zona rural, en canto á vosa total colaboración e dispoñibilidade para realizar ao longo do ano diferentes actividades e tamén para que parte dos programas e actividades impulsados desde o Concello poidan chegar ás veciñas e aos veciños das parroquias da zona rural desta cidade”.

Lea también

Buenos resultados para Club Arco Narón en el Cto de España de tiro con arco indoor

Desde el pasado jueves se desarrolló en Valladolid el Campeonato de España de tiro con …