A concelleira de Emprego, María Teresa Deus, inaugurou esta mañá unha nova xornada de networking no Centro de Emprego do Concello de Ferrol, organizada por AJE (Asociación de Jóvenes Empresarios) de Ferrolterra esta vez en colaboración con AJA (Asociación de Jóvenes Abogados) de Ferrol e ECHO (Asociación de Empresarios, Comerciantes e Hostaleiros) de Catabois.
Corenta empresarios participaron durante dúas horas e media no encontro, que consiste en formar grupos reducidos de persoas e cada un deles teñen dous minutos para dar a coñecer o seus negocios. Ao finalizar, rotan a outras mesas para facer o mesmo e así conseguen conectar con todos os participantes no networking.
A entidade AJE executa este tipo de actividade catro veces ao ano e con iso pretende xerar sinerxias e favorecer o tecido empresarial de Ferrolterra. A concelleira sinalou a “importancia” deste tipo de eventos para “saber os uns dos outros”, polo que animou aos empresarios a seguir participando nestes encontros. “De aquí saen moitas relacións e contactos frutíferos”, dixo.
Espazos coworking para a cidade
María Teresa Deus aproveitou a reunión con empresarios no Centro de Emprego para anunciar que o Concello de Ferrol está a traballar para habilitar na cidade espazos para coworking, unha alternativa económica ao aluguer dun local que consiste en compartir espacio para traballar e que, ademais, xera relacións entre os coworkers.