A concellería de Obras e Servizos, que dirixe Ana Lamas, iniciou hoxe a reparación do aparcamento do cuartel Sánchez Aguilera, que empregan a diario unha media duns trescentos condutores. Desde a mañá un equipo de operarios dedicáronse a arranxar as fochas con axuda de dúas máquinas. Os traballos consistiron no recheo do firme cunha capa de áridos.
Ana Lamas, explicou que esta medida ten carácter urxente, por canto a chegada do outono e das chuvias podía agravar unha situación xa de por si complicada. Desde hai meses, a existencia de numerosos buratos no chan, e especialmente no acceso desde a avenida do Rei, causaba problemas para a circulación de vehículos nun recinto que en días laborais soe ocuparse por completo desde primeiras horas da mañá, debido a que numerosas persoas que traballan nas inmediacións e no barrio da Magdalena o empregan para deixar os seus coches.
Lamas considera que manter acondicionada a área sen pavimentar do estacionamento gratuíto do cuartel Sánchez Aguilera é “absolutamente imprescindible” e dixo que este era un dos traballos que a concellería da que é responsable contemplaba na súa planificación de actuacións desde que tomou posesión do cargo.