O Concello presenta as actividades do programa Apego para este outono

O Concello de Ferrol xa ten preparadas as actividades de balde que ofrecerá este outono a capela do centro cultural Torrente Ballester (rúa Concepción Arenal s/n) no marco do programa Apego, de Normalización Lingüística, dirixido a fomentar e mellorar a transmisión da lingua galega. Durante os meses de outubro e novembro as actuacións terán lugar os martes ás 18.30 horas e xa en decembro se celebrarán os domingos ás 12 horas.

O programa arranca o próximo 22 de outubro con “Camiños”, da compañía Magin Blanco, para familias e nenos ata 6 anos. É un espectáculo musical onde conflúen música, teatro, poesía e contos para estimular e enriquecer a imaxinación dos rapaces cun repertorio moi bailable.

O día 29 de outubro o Torrente acollerá o contacontos para nenos de 3 a 8 anos “Contos para un mundo mellor”, con Gloria Mosquera e Diego Maceiras no acordeón. Tratarán temas como o medo, o coidado da natureza, o saber dicir non e facendo reflexionar sobre a importancia da empatía, prudencia, da superación persoal, da cooperación e da responsabilidade como necesarios mecanismos de paz e felicidade.

Xa en novembro, o martes 5 celebrase o obradoiro “Disciplina Positiva” como modelo educativo para entender o comportamento dos nenos e a forma de abordar a súa actitude de forma positiva, afectiva, firme e respectuosa. Ofrecerá ferramentas desde a lingua galega para a crianza. Neste caso é necesaria a inscrición previa.
O día 12 de novembro celébrase para nenos de 3 a 8 nenos a cargo da compañía Xarope Tulú “O Cardume”, un espectáculo que combina a narración oral coa música en vivo. Unha narradora e un músico achégannos historias onde as personaxes levan a diversidade como bandeira e a través dos obxectos e melodías iremos descubrindo un mundo onde todas sumamos.

O martes 19 de novembro o Torrente Ballester acollerá para nenos de ata 4 anos “Danzacontos, historias en movemento”, un obradoiro a cargo de Laura Martínez Rei para conectar coas crianzas a través da linguaxe corporal, os aloumiños, a respiración, a música e o ritmo. Neste caso é necesaria a inscrición previa.

No mes de decembro, o día 1 celébrase para familias e nenos ata 8 anos “O lobo e a lúa”, un espectáculo teatral da compañía Baobab Teatro onde os seus personaxes conviven a pesar das súas diferenzas. Un espectáculo que transcorre sempre de noite, á luz da lúa, unha historia de amizade, amor e superación dos propios medos.

Por último, o domingo 8 de decembro, familias e nenos de entre 3 e 8 anos poderán gozar da actuación “Misterio de Nadal”, da compañía Polo Correo do Vento. Trátase dun contacontos e música no que dous nenos son moi fans de Sherlock Holmes. Algo estraño sucede en Nadal na súa vila e comezan unha investigación.

Actuación teatral “Cinco minutos sen respirar”

Ao Concello de Ferrol, por formar parte da Rede de Dinamización Lingüística, asignóuselle o espectáculo teatral “Cinco minutos sen respirar”, neste caso dentro das actividades de dinamización lingüística e organizado en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta e no marco do programa de actividades Nós contra a violencia. Será de balde tamén no Torrente Ballester o próximo día 3 de novembro ás 18.30 horas.

Lea también

28 palmeras han recibido en Ferrol tratamiento contra el picudo rojo

El concejal de Medio Ambiente de Ferrol, José Tomé, informó en la comisión del área …