A Biblioteca municipal de Ferrol, na praza de España, anunciou que o prazo para participar nas súas actividades abrirá a próxima semana. Para o Club de Lectura de Narrativa, con Isabel Veiga como coordinadora, existen dous grupos en función do día da semana no que se celebren as reunións. Para o grupo do luns, a data de inscrición é a partir do próximo luns 16 de setembro ás 17 horas. Para o grupo do mércores, será a partir do mércores 18 de setembro ás 9 horas.
Trátase dunha tertulia literaria en torno a un libro que previamente leron as persoas do grupo. O número máximo de prazas será de 20. A maiores poderán asistir 5 persoas como oíntes e na lista de espera haberá un máximo de 5 persoas. Neste caso, é necesario ser socio dalgunha das bibliotecas da Rede de Bibliotecas de Galicia para poder inscribirse.
Por outra banda, os interesados no Taller de Escritura, con Begoña Martín como coordinadora, poderán realizar a inscrición a partir do 25 de setembro ás 17 horas. Neste caso, tamén o número máximo de prazas será de 20 e na lista de espera haberá un máximo de 10 persoas.
Estas actividades están orientadas a adultos e as reunións celébranse unha vez o mes. Dende a biblioteca informan que o participante que acumule 2 faltas de asistencia durante o período no que se desenvolva o club será dado de baixa automáticamente. As inscricións serán exclusivamente presenciais no mostrador da planta baixa da Biblioteca Central.