Aberto o prazo de inscrición no “II Open de padel en cadeira Cidade de Narón” no que colaboran o Concello de Narón e Predif Galicia

Antía Rodríguez, José Oreona e Álvaro Illobre na presentación | Concello de Narón

O concelleiro de Deportes, José Oreona, o deportista paralímpico Álvaro Illobre e Antía Rodríguez, representante de Predif Galicia, presentaron esta mañá no Concello o “II Open de padel en cadeira Cidade de Narón”, que se disputará do 27 ao 29 de setembro nas instalacións do club Padel 6, no polígono de Río do Pozo. O prazo de inscrición permanece aberto, tal e como explicou Oreona, podendo tramitalas ata o día 16 deste mes a través da páxina: http://www.feddf.es.

Oreona destacou a próxima celebración desta segunda edición do Open de Padel en cadeira Cidade de Narón na cidade, e recordou que o Concello xa colaborou en dúas edicións anteriores “se ben unha delas non era un campionato federado”. O edil naronés felicitou a Álvaro Illobre pola súa implicación e traxectoria e tamén aos responsables de Predif Galicia pola súa colaboración e aposta por este evento que se desenvolverá na cidade.

Na súa intervención, Illobre valorou tamén o apoio tanto do Concello como de Predif Galicia e de P6 Narón. O evento será igual que o ano anterior en canto ao formato, tal e como indicou, con dous grupos según o ranking, cos postos de arriba continuando en semifinais e finais e os restantes xogando unha consolación. “Este é polo momento o único Open Nacional que hai en Galicia, co que atrae a máis xogadores porque veñen os que queren acadar puntos para o campionato de España e subir postos no ranking”, apuntou o deportista. Os campionatos de pádel nacional comezarán o venres 27 pola tarde e continuarán o sábado todo o día para rematar coa final o domingo 29 ao longo da mañá, según indicou Illobre.

En representación de Predif Galicia, Antía Rodríguez tamén agradeceu o traballo de Álvaro Illobre á fronte da organización e o respaldo do Concello de Narón, desexando que o evento sexa novamente un éxito.

Oreona animou á veciñanza de Narón e doutros concellos da comarca a acudir a ver este Open de padel “para desfrutar da profesionalidade dos deportistas que participan”.

Lea también

La judoca June Moreno campeona del sector oeste del Cto de España Absoluto

El domingo 17 se disputó en La Coruña el Trofeo Teresa Herrera “Sector Oeste del …